A Asociación Cultivos Baixo Miño (acuBam) e o  Concello de Tomiño ultiman nestes días a organización da XVI Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que terá lugar os días 15, 16 e 17 de marzo, no pavillón de deportes de Goián.

Máis de 30 expositores dos sectores do agro, floricultura, planta ornamental, empresas auxiliares, etc. darán vida e contido á feira máis importante do sector, na Comarca do Baixo Miño e área de influencia.

Un evento que, tras 16 edicións ininterrompidas, chega consolidado, non so coma escaparate das novidades do sector do agro, senón tamén coma punto de encontro e referencia de profesionais de España e Portugal.

A formación, a través de xornadas e obradoiros, e as accións divulgativas seguen sendo unha aposta clara na feira, que contará co stand “acuBam Innovación” por cuarto ano consecutivo. Xornadas sobre o uso eficiente da auga, técnicas de control do impacto da vespa velutina ou o agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo (dentro dos programas europeos Interreg España-Portugal e POCTEP), ou cubertas axardinadas e xardinaría vertical, convivirán con talleres de plantación, abono da horta, showcookings de cociña con produtos locais (coa colaboración de Eu Rural), degustacións e actividades lúdicas para nenos e nenas.

“A situación actual do agro evidencia a necesidade de poñer en valor o sector, traballando nos conceptos de sustentabilidade social e ambiental, na cooperación entre os diferentes grupos de interese e na implicación social da veciñanza”, explica a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez.

Entre as novidades desta edición, haberá un taller de plantación no IES Antón Alonso Ríos, durante os tres días da mostra e coa colaboración do módulo de FP de Forestais e Suministros Bacelo.

A arte estará tamén presente nesta XVI edición con dúas exposicións: unha fotográfica “A realidade do agro no Baixo Miño” e outra de pintura e escultura de artistas locais do “Colectivo Somosarte”.