omiño presume de lonxevidade
Adoración Lamela Calvo, “Dora”, vén de facer os 100 hai uns días

Tomiño é un concello con cifras importantes de poboación moza. Na actualidade ten 13.852 habitantes, dos cales un 51% son homes e un 49% mulleres, sendo o grupo máis amplo o de poboación activa con 7.628 habitantes e tendo tamén un bo número de poboación infantil e adolescente (2.398 habitantes).

,Aínda así, o concello ten máis dunha decena de persoas centenarias na actualidade e os habitantes de entre 80 e 104 anos superan os 930. Entre eles, está Adoración Lamela Calvo, “Dora”, que vén de facer os 100 hai uns días. Ela é un caso excepcional, xa que se atopa no pleno uso das súas facultades físicas e psíquicas, de memoria, etc. Os seus coidadores, María Luisa (filla) e Modesto (xenro) teñen moito que ver con este benestar; tamén o resto da familia (tres fillos, cinco netos e cinco bisnetos). Todos os días, reúnense na casa familiar para disfrutar da matriarca da familia, que coñece perfectamente a cada quen e pregunta diariamente por eles. Entre os seus cinco netos (Isabel, Rosario, Pablo, Samuel e Daniel), a primeira é coma unha filla, xa que a criou e están moi unidas.

Dora está ben e na súa festa de aniversario tivo unha festa moi bonita, na que non faltaron nin sequera as treboadas e as bombas de palenque.

Naceu o 10 de febreiro de 1.919 en Tebra (Tomiño) e con 26 casouse con Daniel Martínez. Con el tivo catro fillos (Mª Luisa, Adelina, Nieves e José) e traballou na casa e máis no campo. Eran tempos difíciles no que so gañaba tres perras nunha xornada. Ademais e por esas cousas da vida rural de aqueles anos, converteuse en practicante e puña inxeccións a todos os veciños e veciñas, sen cobrar.

Agora pasa as súas horas en compañía dos seus familiares, mirando a tele e dando algún que outro paseíño corto. A alcaldesa comprometeulla a visitar o novo mercado municipal e a Casa do Concello, durante a súa visita da semana pasada, en compañía da concelleira de Benestar.

A que é unha das dez centenarias de Tomiño é unha muller moderna que acepta as cousas coma veñen, viaxou en avión a Montevideo e a Suíza e se puidera, sairía a bailar, algo que sempre lle gustou.

Entre as persoas que comparten xeración con ela, hai na actualidade 8 mulleres e dous homes, cuxas idades oscilan entre os 99 e os 104, coma é o caso de Sara Rodríguez Salvador, de Santa Mª de Tomiño, que xa cumpriu os 104.