O Concello de Tomiño quere sumarse en breve ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, co propósito de contribuír a diminuír os efectos do cambio climático.

Os asinantes do Pacto comprométense a adoptar un enfoque integrado á mitigación do cambio climático, preparando, nos primeiros dous anos da súa adhesión, un Plan de Acción para O Clima e a Enerxía Sustentable cos obxectivos de recortar as emisións de CO2 en polo menos un 40 % para o ano 2030.

Con este fin, a concelleira  de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, desprazouse até Marín para participar na xornada  de presentación e seguimento, celebrada o pasado día 23. Coma resultado dese primeiro encontro, hoxe realizouse outro no Concello, con unha técnica do proxecto, que explicou os distintos pasos do proceso de adhesión e a documentación necesaria para poder adherirse.

A iniciativa inclúe na actualidade, máis de 7000 autoridades locais e rexionais de 57 países que aproveitan os puntos fortes dun movemento que involucra a múltiples actores e conta co apoio técnico e metodolóxico   de oficinas dedicadas.

O Pacto Mundial dos Alcaldes aproveita a experiencia obtida durante os últimos 8 anos en Europa e nas rexións circundantes, e desenvolve os factores crave do éxito da iniciativa: o seu goberno desde as bases, o seu modelo de cooperación a varios niveis e o seu patrón de actuación directamente impulsado polo contexto.