Persoal técnico e político de diferentes concellos da provincia participaron hoxe no Concello de Tomiño na segunda sesión do ‘Obradoiro Ágora’ da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra, un espazo de formación práctica sobre a recuperación do espazo público. Durante a sesión o deputado de Mobilidade e Espazo Público e concelleiro Uxío Benítez puxo de manifesto os paralelismos entre o ‘modelo Ágora’ que pon ás persoas no centro das actuacións e a Planificación urbana e a Estratexia do Concello de Tomiño para recuperar a vila. Entre os datos máis salientables subliñou que o goberno tomiñés recuperou máis de 20.000 metros cadrados de espazo público para as persoas dende 2007 e reformou máis de 40.000.
Durante a xornada púxose como exemplo o cambio urbano xeral e entre outras zonas debateuse sobre o núcleo do Seixo, a parroquia de Figueiró –onde se creou un núcleo de centralidade- e a zona de Goián. De maneira práctica fóronse analizando elementos concretos utilizados en todas estas actuacións coas achegas externas do arquitecto Mateus Porto, quen xa participara como relator na anterior edición da Facultade Ágora falando de como facer “funcionar” vilas e cidades.
O deputado Uxío Benítez salientou de inicio tres mensaxes que, segundo asegurou, permiten facer transformacións do espazo público: ter unha planificación e unha estratexia para que non exista improvisación; determinación e valentía co pulo político que permite levar adiante as propostas ante as posibles críticas; e tamén boa execución de obras, apostando pola calidade urbana e o “cariño”.
Facendo un percorrido pola evolución de Tomiño lembrou o cruzamento de camiños no Seixo nunha vila que era fundamentalmente dispersa ata que o crecemento de Vigo aumentou a súa poboación. “A día de hoxe temos 14.000 habitantes e 13.000 vehículos, segundo os datos do IGE”, salientou, para asegurar que é preciso organizar continuamente esa situación.
Pola súa banda, a alcaldesa Sandra González subliñou que o ‘leit motiv’ do goberno local dende 2007 foi recuperar espazo público para as persoas, tendo como resultado unha “transformación positiva e evidente que a cidadanía agradece”. “A xente atopa no espazo público un lugar de reunión igualitario, transformador, positivo, para ser máis felices. Seguiremos a facer lugares onde a xente sexa feliz”, destacou.
En xeral, tanto os profesores Mateus Porto como Fernando Nebot, así como o alumnado participante, considerou “sobresaínte” todas as reformas realizadas na vila, aplaudindo as decisións prácticas utilizadas nos diferentes casos.
Insubmisión e transgresión da norma
Unha das cuestións máis salientables do debate en sala entre todo o persoal técnico e político de toda a provincia que participou no ‘Obradoiro Ágora’ foi a crítica xeral á normativa vixente que regula as obras de recuperación de espazo público por ser moi restritiva á hora de facer melloras. Neste sentido fíxose un alegato en defensa da insubmisión ante a lexislación sempre e cando se faga para mellorar o espazo público dos colectivos máis vulnerables: persoas maiores, crianzas ou veciñanza con problemas de mobilidade.
O propio deputado Uxío Benítez fixo, neste sentido, unha invitación ao persoal técnico que participa nos deseños de proxectos a ser “transgresor e atrevido” porque as decisións que toma cando se fan obras “transforman e melloran a vida da xente”. “As leis teñen obxectivos, hai que aplicalas e interpretalas con sentido común, porque ademais son textos que cambian, melloran evolucionan ao longo do tempo incorporando as novidades”, subliñou. Engadiu, como exemplo, que non ten sentido que un paso de peóns teña un largo de 4 metros pero “sexa ilegal se ten seis metros” se facilita o cruzamento de persoas nun espazo.
Entre outros aspectos do debate tamén se puxo o foco no deseño das glorietas e a necesidade de dificultar o acceso dos vehículos facendo ramplas fortes para obrigar a minorar a velocidade co fin de incrementar a seguranza viaria. Como exemplo púxose a glorieta da nova variante de Tomiño, vía pola que circulan uns 2.500 vehículos día e na que se utilizaron pavimentos que priorizan o cruce das persoas en lugar dos coches, na que se incorporou unha parada de autobús que ocupa un carril de tránsito, e na que hai un xardín central que dificulta a visión ás persoas condutoras.
As pendentes dos lombos, plataformas e pasos de peóns sobreelevados tamén foron obxecto de discusión. Neste sentido, representantes de Policía Local subliñaron tamén a necesidade de que haxa dureza nas ramplas para baixar velocidades, cumprindo así o seu obxectivo final. Sobre a mesa tamén se puxeron temas como o uso de bolardos, tipos de pavimentos ou outras cuestións técnicas.
Recoñecemento e titulación por participar nos Obradoiros
Unha das novidades que anunciou o deputado Uxío Benítez na xornada de hoxe é que a participación nos ‘Obradoiros Ágora’ da Deputación terá recoñecemento por parte da Deputación. Expedirase un certificado a todas as persoas asistentes que, ademais, terá valoración positiva no caso de presentarse a concurso para realizar unha actuación provincial.
O vindeiro Obradoiro Ágora será xa despois do verán, e nesa ocasión recalará en Vilagarcía de Arousa, onde tamén se porá sobre a mesa a planificación estratéxica que o goberno local levou adiante nos últimos anos.