O Concello de Tomiño celebrou na mañá do pasado sábado unha reunión coas máis de 30 traídas de augas do municipio, co fin de avaliar a liña de subvencións que o goberno local venlles concedendo.

Estas axudas están a punto de saír por importe de 50.000 euros do Orzamento Municipal, que xa entrou en vigor, e que supón un importante respaldo económico para as distintas obras que necesitan facer as traídas do concello, de forma de optimizar o seu servizo.

Segundo a concelleira responsable de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, o estado das traídas de auga en Tomiño é moi bo e a calidade sanitaria das augas está reflectida no SINAC, no que se deben introducir os datos para poder comprobar as analíticas de augas que realizan as traídas; dese xeito todos os usuarios do concello poden comprobar a calidade da súa auga de consumo.

No transcurso da xuntanza desta mañá, falouse ademais da utilidade do Protocolo Sanitario, un manual de instrucións para as traídas, que foi financiado polo Concello de Tomiño, coa finalidade de que as directivas que entran poidan encontrar documentado o traballo realizado, e coñecer do mesmo xeito as tarefas pendentes. Na reunión, o Concello comprometeuse a dar unha formación especial ás traídas sobre o SINAC e sobre como sacarlle o máximo partido ao protocolo sanitario.

“O concello de Tomiño está a apostar pola autoxestión da auga a través das traídas de augas, unha figura a potenciar neste Concello, e que serviu de exemplo para que a FEGAMP convidáranos a participar nun coloquio con todos os concellos galegos, para explicar a experiencia e o exemplo de Tomiño, a mediados do ano pasado”, explicou Vázquez.

No devandito coloquio, celebrado no mes de xuño de 2018, a concelleira, acompañada pola alcaldesa, Sandra González, explicou o chamado “Plan Plurianual do Concello de Tomiño para apoiar ás comunidades de augas” e deron a coñecer as accións desenvolvidas en materia de administración sanitaria, apoio técnico e liña de axudas, en colaboración coas comunidades de usuarios do municipio e Coxapo.