VITORIANO DA GHOREÑA // Frixidelas de Fornelos

O Rosal prepárase para vivir tres días de troula para festexar o entroido no que raíces ancestrais convivirán coas novas tradicións. A festa comezará o próximo domingo 23 co habitual desfile de Carnaval, no que carrozas e comparsas percorrerán, a partir das 11.00 horas, a rúa Xulio Sesto, dende a Rotonda da Feira e a rúa de Ramón Franco ata o cruce coa Lomba.

A orde de saída de persoas e grupos participantes no desfile será:

  • Disfraces individuais modalidade infantil.
  • Disfraces individuais modalidade xuvenil-adulto.
  • Grupos.
  • Comparsas.
  • Carrozas.
  • Comparsas e carrozas do entroido tradicional do Rosal.

Para facilitar o transcurso do desfile, lémbrase a todos os rosaleiros que non se poderá estacionar nas rúas Xulio Sesto e Ramón Franco dende as 08.00 ata as 15.00 horas do domingo.

Ese será o pistoletazo de saída a un carnaval que continuará xa o domingo pola tarde nos barrios cunha programación cargada de actividades para toda a veciñanza.

Fornelos:

Fornelos comezará o seu tradicional festexo do entroido o domingo ás 16.30 horas con pasarrúas polo barrio do grupo de gaitas A Boalleira e, a partir das 17.00 horas, actuacións para nenos e nenas con inchables e toro mecánico.

Dende as 21.00 horas ata a madrugada, gran verbena amenizada polas agrupacións Sorala e Nievla. O luns 24, a partir das 16.00 horas, a Praza de Fornelos converterase no escenario da tradicional ‘Corrida do galo’ e, a partir das 21.30 horas, de novo verbena con Saudade e D’Paso. O martes 25 será a quenda das ‘Frixidelas’ a partir das 16.00 horas, que rematará con degustación para todos e con actuación sorpresa ás 19.30 horas.

Novás:

Pola súa banda, Novás arrancará o seu particular carnaval coa subida do maio (domingo 23, ás 16.30 horas), unha tradición centenaria recuperada neste barrio e que dará paso aos xogos populares e ao chocolate quente e á rosca para todo o público.

O luns 24 tamén a ‘Gran corrida do galo’ será a protagonista, mentres que o martes 25 o será a tradicional ‘Frixidela’ con pan de millo e viño para todos a partir das 18.00 horas. A traca final, a música a cargo de Roberto Caco.

O Concello do Rosal quere recoñecer o gran traballo que fai a veciñanza para que Carnaval e Entroido tradicional convivan dun xeito tan harmonioso nunha festa “con grande arraigo, transcendencia e seguimento social, que alimenta o bo ambiente e materializa esa retranca que tanto nos caracteriza”.