Tres membros do xurado do programa «Vilas en flor», Javier Padín, Serafín Ros e Xurxo González, visitaron hoxe Tomiño, para coñecer o concello e os seus espazos verdes de valor ambiental e paisaxístico.

Tras a recepción no Concello, por parte da alcaldesa Sandra González, amosóuselles diferentes espazos verdes e proxectos medio ambientais do municipio, comezando pola transformación do núcleo urbano do Seixo, Praza da Mina, axardinamento de rotondas e outras superficies, e proxectos municipais coma o de Cultivando paisaxes (levado a cabo coa Fundación Xabier Pousa), a Senda do Río Miño ou a recuperación ambiental do entorno da Fortaleza de San Lourenzo e da praia de Goián.

O xurado do programa leva a cabo unha vez ao ano unha visita a cada concello participante, valorando fundamentalmente, o patrimonio vexetal e paisaxístico, o respecto polo medio ambiente e o uso social e as sinerxias coa actividade turística. Nunha gala, que se celebrará proximamente en Santiago de Compostela, farase entrega das “flores de honra” que concede o xurado, composto por profesionais voluntarios de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, xardinería e paisaxismo.

O programa «Vilas en flor», organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), suma 18 concellos participantes. Aos cinco da primeira edición –Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira– sumáronse este ano outros 13, entre eles, Tomiño e A Guarda, da zona do Baixo Miño, na que o río, representa o elemento natural diferenciador deste territorio transfronteirizo, con gran relevancia non só desde un punto de vista ambiental senón tamén social, económico e cultural.  Na súa foz atópase o esteiro do Miño (humidal compartido entre Galicia e o Norte de Portugal que representa un ecosistema importante para a avifauna), zona protexida como parte da Rede Natura 2000. En xeral, toda a zona das marxes do propio río constitúe unha área de grande interese medioambiental e paisaxístico, cunha das mellores representacións de vexetación autóctona, que ten o seu máximo expoñente nos bosques de ribeira, e cunha elevada diversidade faunística.

O futuro Parque da Amizade pretende unir cunha ponte peonil e ciclista o Espazo Fortaleza (Goián) co Parque de Lazer do Castelinho (Vila Nova de Cerveira), dando corpo dentro da Eurocidade  a un espazo verdadeiramente europeo, sen fronteiras, para favorecer as relacións de lecer, deporte e coñecemento da memoria ambiental e cultural do río.

Tomiño sitúase no Baixo Miño, unha das zonas máis fértiles de Galicia. Os viveiros abundan neste territorio transfronteirizo onde son unha industria de longa traxectoria. En Goián celébrase anualmente pola primavera unha Mostra de Cultivos organizada por acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño), que  colabora co Concello en iniciativas de recuperación e promoción do patrimonio paisaxístico.