Trinta viveiros de Galicia e Norte de Portugal amosarán as novidades do sector na XIV Mostra de Cultivos do Baixo Miño
CEDIDA // Imaxe da presentación desta nova edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño que tivo lugar no día de hoxe.

Hai xa 14 anos, viveiristas de Tomiño comezaron, xunto ao Concello, a organizar unha feira de cultivos, onde fora posible reunirse e presentar o resultado do seu traballo, as novidades do sector, as innovacións… Despois de moito esforzo loxístico, institucional e empresarial, a Mostra de Cultivos do Baixo Miño, converteuse nun evento de referencia en Galicia e Norte de Portugal.

Este mediodía tivo lugar a presentación da XIV edición no Auditorio de Goián, xunto ao cal se atopa o Pavillón Multiusos, onde ten lugar o evento. No acto compareceron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam (Asociación de Cultivos do Baixo Miño), Patricia Rodríguez; o concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione e representantes da asociación e de distintos viveiros presentes na Mostra.

A alcaldesa reiterou o apoio incondicional do Concello á Mostra de Cultivos, e rememorou os comezos da feira, cando uns cantos viveiristas da zona, quixeron dar a coñecer o que é hoxe o motor económico do municipio. Asemade, anunciou que a inauguración (sábado 4 de marzo, ás 12.30 horas) contará coa presencia da Directora Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias, Belén María do Campo Piñeiro e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ademais de deputados provincias, alcaldes da comarca, etc.

A presidenta de acuBam, pola súa banda, agradeceu o traballo de organizadores e colaboradores para que a Mostra, na que participan máis de 30 expositores, sexa hoxe un punto de encontro do sector, coas últimas novidades en planta ornamental, flor cortada, maquinaria do campo, etc. Neste senso, agradeceu especialmente a colaboración económica e loxística do Concello, que fai posible a celebración do evento. Patricia Rodríguez referiuse ademais á labor de sensibilización que se vén facendo nos últimos anos, co proxecto didáctico “As nosas amigas, as plantas”, co fin de amosar o mundo da agricultura a máis de 600 escolares do Concello de Tomiño.

Seguidamente, a presidenta da asociación, referiuse ao programa desta edición, dentro do cal salientou as xornadas técnicas do sábado e as actividades lúdicas e recreativas do domingo (xuntamos programación). Por último, agradeceu a presencia na Mostra de colaboradores coma Agaexar, Iberflora ou o Concello de Allariz, organizador do Festival Internacional de Xardíns, así coma a de A participación de varios viveiros portugueses e doutros puntos de Galicia.

Óscar Vaquero, secretario de acuBam, salientou a labor de innovación que están a levar a cabo dende a asociación e que consideran fundamental para o crecemento do sector na comarca. Neste senso comentou que o stand de innovacións será un dos máis importantes nesta edición, con 11 proxectos presentados en temas de filtración de augas, planta ornamental e maquinaria específica, entre outros. Entre os obxectivos xerais dos organizadores está, segundo explicou Vaquero, o de seguir criterios sostibles nas súas producións, con boas prácticas agrícolas e lograr unha conexión co entorno máis próximo, participando en proxectos educativos para a infancia e mocidade.

Este ano o comité organizador decidiu adiantar a celebración da 14ª edición ao sábado 4 e domingo 5 de marzo (habitualmente facíase en abril) co fin de facilitar a asistencia de público profesional, nunhas datas que non son de plena campaña para o sector verde.
A décimo terceira edición pechou as súas portas coa visita de máis de 3000 persoas e un incremento do volume de negocio e contactos comerciais superior ao 40%, con respecto ao ano anterior; cifras que a organización agarda superar esta fin de semana.