A XXIII Feira de Artesanía de Tui celebrarase o sábado 4 e o domingo 5 de maio, de 12:00 a 22:00 horas, na rúa Ordóñez e na Praza de San Fernando, co obxectivo de apoiar a promoción, difusión e comercialización do produto artesán, así coma a dinamización do conxunto histórico, do Centro Comercial Aberto e da cidade de Tui no eido comercial, social e cultural.
Participarán unha véntena de artesáns galegos, dos que catro serán de Tui, que terán os seus postos na rúa Ordóñez, mentres na praza de San Fernando estará a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño.
Os artesáns participantes presentarán pezas de feltro artesá con lá de ovella, marroquinería, calceta e gancho, artesanía téxtil, xoiería, bixutería, complementos, cerámica e esmaltes, xoguetes, entre outros. Ao longo da fin de semana sucederanse as actuación de grupos tudenses. O sábado pola mañá actuará o grupo de baile e as pandereteiras Crus do Malleiro da Asociación O Mosteiro de Pexegueiro e o grupo folclórico Xuntanza de Randufe. Pola tarde será a quenda dos grupos folclóricos San Fins de Rebordáns e Santa Columba de Ribadelouro. Mentres o domingo actuarán a banda de gaitas Arume de Malvas, o grupo Refaixos e Polainas de Baldráns, as pandereteiras As D’Abadía de Caldelas e a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos.
Tui – Feira de artesanía
Sábado:
- Ás 12h grupo de baile O Mosteiro e grupo de pandereteiras Crus do Malleiro de Pexegueiro
- Ás 13 h grupo folclórico Xuntanza de Randufe
- Ás 18 h grupo folclórico San Fins de Rebordáns
- Ás 20h grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
Domingo
- Ás 12 h banda de gaitas Arume de Malvas
- Ás 13 h Refaixos e polainas de Baldráns
- Ás 18 h Grupo de pandereteiras As D’Abadía de Caldelas
- Ás 20 h Banda de Gaitas San Xoán de Paramos