Dende este venres, 8 de xullo, e até o luns 29 de agosto, vaise celebrar en Tui a programación cultural do verán cunha ampla oferta na que terán lugar catro festivais, – Festival da Cultural Tradicional e Folk, FIAR, Música no Claustro e IKFEM-concertos de Xoel López, a Banda de Gaitas de Paramos, Raquel Areal, Sara Areal e Karla Martínez, cinema ao aire libre e a Festa do Miño.

A programación foi presentada esta mañá na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a presidenta da Asociación Cultural San Telmo, Conchi Sales, e o director de Música no Claustro, Samuel Diz.

O II Festival da Cultural Tradicional e Folk organizado pola Asociación Cultural San Telmo abrirá esta oferta cultura este venres 8 de xullo. No marco do mesmo, a praza de San Fernando acolle ás 22 h a actuación do grupo Arxe e o sábado, ás 19.30 h o VII Certame de Gaita e Tamboril, e ás 22.30 o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre. Xa o domingo a partir das 19 h celebrarse no Paseo da Corredoira o VII Día da Muiñeira xunto a unha demostración do liño a cargo da Asociación Cultural “A Insua” de Vilalba coma explicaba Conchi Sales, presidenta da Asociación Cultural San Telmo. Este festival será presentado mañá en rolda de prensa.

O Paseo Fluvial volverá converterse nunha gran sala de cine ao aire libre con capacidade para 400 persoas. Será os venres 15 de xullo ás 22h con “Valentina”, o 12 de agosto ás 22 horas “Arrietty, e o 26 de agosto ás 22 horas “Voando xuntos”.

Na fin de semana do 22 ao 24 de xullo a Eurocidade Tui-Valença acollerá a segunda edición do FIAR, o Festival Internacional de Artes de Rúa con 18 funcións, 12 espectáculos, 6 pasarrúas e 6 espazos.

A Banda de Gaitas San Xoán de Paramos ofrecerá o concerto Día de Galicia, o domingo, 24 de xullo, ás 22.15 h no Paseo Fluvial. No mesmo contarán coma artista convidada con Laura Villaverde. Interpretarán repertorio tradicional galego, portugués e arranxos de temas pop e rock.

“Volta ás Orixes” é o título do concerto que ofrecerán as irmás violinistas tudenses Sara e Raquel Areal Martínez xunto á pianista Karla Martínez o venres, 29 de xullo, ás 22. 15h na praza de San Fernando. Ao longo dunha hora interpretarán as obras que as teñen acompañado ao longo da súa carreira musical. Así poderemos escoitar composición de Vivaldi, Falla ou Sarasate.

Do 1 ao 7 de agosto terá lugar a XVI edición do Festival de Música, Patrimonio e Creación Música no Claustro. Un festival que segundo o seu director Samuel Diz, “dialogará coas obras” que se están a executar na Catedral. Os concertos serán o prato principal desta proposta pero tamén  haberá outras propostas coma a segunda edición de Resonancias, o Foro Profesional de Instrumentos Musicais. Lembraba amais coma o festival comezou xa na festas de San Telmo coa recuperación da Misa Medieval de San Telmo, un concerto ao que acudiron 300 persoas.  Tamén aludía Samuel Diz ao oitavo centenario da Catedral que se celebrará en 2025 indicando que É “unha das principais institucións culturais non so da provincia senón tamén da comunidade” e temos que reflexionar sobre como nos imaxinamos unha catedral do século XXI  “que usos, que usos, que finalidades e sobre todo que identidade”.

Xoel López estará en concerto o luns 8 de agosto ás 22 h no Espazo Feiral dentro da programación dos concertos do Xacobeo. A entrada será libre.

Volve tamén este verán a Festa do Miño que celebrará o sábado 13 de agosto a súa décima edición. A programación comezará ao mediodía coa Romaría Popular na ribeira de Caldelas, de onde sairá o Descenso Popular do Miño que organiza o Club Kaiak Tudense. Recupérase nesta edición a Festa Gastronómica na rúa Compostela a partir das 20 h coa participación de 13 asociacións culturais tudenses, a animación de Troula Animación e o concerto da Banda Xangai.

Pecha a programación do verán o IKFEM, o Festival Internacional de Teclado da Eurocidade que cumpre a súa décima edición. Será do 19 ao 26 de agosto.

Toda esta programación, xunto a un avance do outono, vén recollida nun novo número da Axenda Cultural Corredoira da que se editan 14 mil  que serán distribuídos en Tui e Valença.