A Deputación Provincial de Pontevedra, en colaboración coa Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal), celebrará os próximos días 22 e 23 de xuño en Tui unhas xornadas sobre o ferrocarril transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal baixo a denominación ‘Forum de Mobilidade Transfronteiriza do Río Miño: O Ferrocarril Do Miño. Unhas Proximidades Ferroviarias Trasfronterizas’.

Desde un punto de vista técnico, preténdese aprender de experiencias internacionais de éxito para impulsar unha rede ferroviaria transfronteiriza e un servizo de proximidade entre Vigo e Viana do Castelo (Norte de Portugal), co fin de facilitar a mobilidade diaria das persoas habitantes dun territorio con centos de milleiros de veciñas e veciños, en torno ao río Miño.

Contará coa presenza de técnicos de transporte e mobilidade de varias zonas transfronteirizas onde se están desenvolvendo casos de éxito en Europa. Tamén participarán diferentes persoas académicas galegas e portuguesas especialistas en materia ferroviaria.

En canto á acción institucional, nas xornadas participarán representantes de diferentes organismos públicos do ámbito eurorrexional, estatal (español e portugués) e galego. Do mesmo xeito, participarán axentes e actores institucionais que traballan pola modernización do ferrocarril no espazo transfronteirizo miñoto.

O obxectivo é sumar sinerxias a favor de servizos ferroviarios transfronteirizos que sexan útiles no día a día da poboación a ambos os dous lados do ferrocarril. Como conclusión está prevista unha declaración institucional cun manifesto a favor dun ferrocarril local transfronteirizo.

Este evento organizado pola Deputación e o CEER- entidade que agrupa ás seis universidades da comunidade autónoma de Galicia e do norte de Portugal -, conta con financiamento FEDER a través do proxecto SMART MIÑO + , proxecto da 6º convocatoria do POCTEP 2014-2020. Colaboran o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Río Minho (AECT Rio Minho) e a Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho.

A inscrición para as persoas interesadas está aberta na páxina web da Deputación de Pontevedra. As xornadas terán lugar en horario de mañá no Parador de Turismo de Tui.

Mesas de traballo

O foro de mobilidade estará dividido en varias mesas de traballo. Na primeira xornada a primeira será ‘O Ferrocarril Eurorrexional no contexto europeo’, na que se exporá que o ferrocarril do Miño é unha peza estratéxica na vertebración da fachada atlántica da Península Ibérica, xa que ocupa unha posición central entre as áreas metropolitanas do Porto e de Vigo. Por outra banda, correspóndese co principal paso da fronteira entre Galicia e o norte de Portugal, así como o máis transitado dos pasos fronteirizos entreos dous estados peninsulares.

A mesa buscará contextualizar o ferrocarril do Miño dentro das dinámicas institucionais e as políticas actuais. Participarán Josep Vicent Boira Maiques, comisionado do Goberno para o desenvolvemento do Corredor Mediterráneo en España en ADIF, Ministerio de Fomento; e José Antonio Sebastián Ruiz, comisionado do Goberno para o desenvolvemento do Corredor Atlántico en ADIF, Ministerio de Fomento

A segunda mesa será ‘É posible un tren de proximidade transfronteirizo? experiencias en Europa’, e trátase dun panel de experiencias europeas sobre a implantación de proximidades ferroviarias transfronteirizas, presentadas por técnicas e técnicos e xestoras e xestores destas, nos que se contrastan modelos de implantación e xestión. Participarán  Xavier Garcia, Dirección de Cooperación Euromediterránea. Servicio de Cooperación Europea. Liña ferroviaria Niza-Ventimiglia-Cúneo-Turín; e Matteo Berzi, investigador do Centro Común de Investigación, da Comisión Europea, EU Science Hub. Ispra (Italia). ‘Os servizos ferroviarios transfronteirizos entre España e Francia’.

No segundo día a primeira cita levará o título de ‘As proximidades ferroviarias no territorio do Río Miño’. O obxectivo desta mesa é propoñer e reivindicar uns novos servizos de mobilidade ferroviaria transfronteiriza entre Vigo e Viana do Castelo, arredor do río Miño. Trátase dun territorio fortemente cohesionado e cunhas intensas dinámicas de mobilidade internas e o ferrocarril transfronteirizo permitiría unha maior oferta de mobilidade pública, sostible e de calidade para a poboación.

Participan Álvaro Costa, profesor da Facultade de Enxeñería da Universidade do Porto e investigador en transporte; Miguel Pazos Otón, profesor de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela; António Cruz, consultor, relator no seminario Conectividade e Accesibilidade Territorial Transfronteiriza, organizado por CIM Alto Minho en abril de 2022; unha persoa representante de Renfe ou do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana;  e outra representante do Operador Ferroviario Portugués ou do Ministerio de Infraestruturas de Portugal.

Posteriormente haberá un debate con Antón Conde, secretario das Comisións Obreiras do Sector Ferroviario de Renfe-ADIF de Pontevedra; unha persoa representante da Confederación Empresarial do Alto Minho (CEVAL) de Portugal; e  outra representante da Cámara de Comercio de Tui.