Tui acolle mañá mércores, 16 de outubro, o encontro de axentes culturais de Galicia e Portugal promovido por Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.
Dende ás 10.30 h na Área Panorámica participarán na reunión técnicos e responsables de Cultura do Concello de Tui e da Direção-Geral de Cultura do Norte, DGCN, e das cámaras municipais de Braga, Maia, Póvoa de Varzim, Valença, Viana do Castelo e Vila Nova de Famaliçao, e dos Teatros Municipais de Porto.
Nesta reunión Escena Galega presentará o esbozo da proposta dunha Rede de Circulación Transfronteiriza de Espectáculos de Artes Escénicas entre Galicia e o Norte de Portugal. Un proxecto que xurdiu dos anteriores encontros celebrados en Pontevedra e Viana coa participación de axentes culturais tanto privados como institucionais de Galicia e do Norte de Portugal.
Así no encontro que mañá se vai celebrar en Tui búscase por parte dos promotores dar unha visión clara do proxecto e atopar intereses comúns entre concellos e institucións que permitan establecer parceiros cos que artellar e dar nacemento á proposta. Explorarán amais as posibles vías de financiamento tanto estatais como europeas e determinarán cos parceiros os seguintes pasos a dar para a concretar o proxecto.
Como exemplo darán conta da experiencia de intercambio de artes escénicas que Escena Galega está a desenvolver con Asturias, Cantabria e Pais Vasco baixo o título de Camiño Escena Norte.