Un obradoiro de ilustración, contacontos e unha ruta literaria forman parte do programa co que se conmemora en Tui o “Día da Biblioteca”, que se celebra o 24 de outubro. O programa organizado pola Biblioteca Pública Municipal de Tui vaise desenvolver ao longo do presente mes de outubro con diversas actividades de animación á lectura.

As citas serán, os xoves 10, 17 de 24 deste mes, e terán lugar na propia biblioteca dirixidas a público infantil.

Así o xoves, 10 de outubro:

Ás 17.30 horas, celebrarase un obradoiro de ilustración titulado “Rachando gaiolas” co ilustrador Xosé Tomás. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas con idades entre os 8 e os 12 anos. Cómpre inscrición previa na propia biblioteca. Xosé Tomás é un dos referentes da ilustración en Galicia. Ilustrador, humorista gráfico, e profesor no Baixo Miño o seu campo de traballo abrangue diversos ámbitos pero a maioría da súa obra sitúase na ilustración para obras de literatura infantil e xuvenil.

O xoves, 17 de outubro:

Ás 18.00 horas, desenvolverase o espectáculo “A música da auga” co Bardo Abelardo. Trátase dun conto cantado no que se pon en valor a importancia fundamental da parte feminina das nosas vida: a auga, a terra, a tenrura, a paz e a solidariedade para acabar con todo tipo de violencias. Está dirixido a rapaces e rapazas de ata 11 anos. A entrada será libre ata completar a capacidade do local.

O xoves, 24 de outubro:

Día da Biblioteca, ás 18.00 horas terá lugar a actividade “A pirata escarlata” con Marisa Irimia, ilustradora, contacontos e animadora da lectura. Esta actividade trata de rapazas que capitanean perigosos barcos piratas, rapaces que pilotan naves espaciais, nenas e nenos que viven emocionantes aventuras, que xogan, elas e eles, un papel activo en mil e unha andanzas. Vai dirixido a nenas e nenos de 4 a 11 anos de idade.

Estas tres actividades pertencen ao programa de animación á lectura Ler Conta Moito e ao Pacto de Estado en contra da violencia de xénero.

Por outra parte na semana do luns 21 ao domingo 27 de outubro a Biblioteca Municipal tudense ofrecerá un agasallo de libros descatalogados ou procedentes de doazóns a todos os usuarios que se acheguen ata este centro bibliotecario.

O programa de actividades de animación á lectura remata cunha proposta para mozos e maiores. Será o sábado, 26 de outubro, cunha Ruta Literaria guiada pola escritora Marga do Val e o historiador Rafael Sánchez Bargiela. Partirá ás 12:00 horas dende a Biblioteca Pública Municipal para realizar un percorrido por diversos lugares ligados a escritores tudenses, lembrando a súa traxectoria e as súas obras.