BANDALLO // Paseo da Corredoira

O Paseo da Corredoira acollerá o próximo mércores, 17 de maio, a XX feira do libro galego na que terá protagonismo destacado Carlos Casares, autor a quen a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Haberá unha vintena de postos a cargo das librarías Espazo Lector Nobel, Iris e Valverde, así coma un amplo programa de actividades con actuacións musicais, contacontos e obradoiros nunha xornada de promoción da literatura e a lectura na nosa lingua.

Tamén se poderán ver paneis sobre Carlos Casares realizados polos centros escolares tudenses, así coma unha cronoloxía do autor homenaxeado realizada polo IES San Paio. Amais haberá unha exposición de “Maios” que elaboraron os escolares, na praza da Inmaculada. Co gallo desta XX feira do libro galego editaronse 5.000 marcapáxinas nos que se inclúe a programación a desenvolver o 17 de maio que serán distribuídos nos colexios e na propia feira.

A feira será inaugurada ás 11:00 horas polo ilustrador Xosé Tomás. Están previstas diversas actuacións musicais ao longo do día do grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas, a Coral Ponte das Febres de Ribadelouro, o grupo O Mosteiro de Pexegueiro, o grupo Saragana da Asociación X.C. do Traxe de Tui, e da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui.

Os máis pequenos poderán participar nos obradoiros “A Galiña Azul” de 11.30 a 13.30 horas e de marcapáxinas “Imaxina e crea” de 17:00 a 19:00 horas. Haberá dúas sesións de contacontos, ás 12:00 horas con Fran Rei coa “A Galiña Azul” e ás 18.30 horas con Daboapipa baixo o título de “Contos e lerias”. Ás 19.30 horas está previsto o espectáculo de circo de rúa “Manualidades” con Manu Lago. A Radio Municipal de Tui fará un programa especial en directo dende a feira entre ás 11:00 e ás 13:00 horas.

Programa:

  • Ás 11.00 horas Apertura a cargo de Xosé Tomás
  • Ás 11.10 horas Grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas
  • Ás 11.30 horasCoral Ponte das Febres
  • De 11:00 a 13:00 horas Emisión especial en directo da Radio Muncipal de Tui
  • De 11.30 a 13.30 horas Obradoiros “A Galiña Azul” con Chirlomirlo
  • Ás 12.00 horas Contacontos con Fran Rei “A galiña azul”
  • Ás 13.00 horas Grupo folclórico “O Mosteiro” de Pexegueiro
  • De 17:00 a 19:00 horas Obradoiro de marcapáxinas “Imaxina e crea” dirixido a nenos de 4 a 14 anos
  • Ás 17.30 horas Grupo Saragana da Asociación X.C. do Traxe de Tui
  • Ás 18.30 horas Contacontos coa Daboapipa “Contos e lerias”
  • Ás 19.30 horas Circo de rúa con Manu Lago “Manualidades”
  • Ás 20.30 horas Coral do Centro Sociocomunitario de Tui