O Paseo da Corredoira acollerá o próximo xoves 17 de maio, Día das Letras Galegas, a XXI Feira do Libro Galego organizada polo Concello de Tui coa colaboración das librarías Espazo Lector Nobel e Iris.

A presentación deste evento tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, e os representantes das librarías Iris, Pilar Fernández, e Espazo Lector Nobel, Javier Oliveira.

O programa previsto comezará coa inauguración da feira pola escritora tudense Conchi Regueiro, autora de “Tempos Agradables” pola que recibiu o III Premio de novela Mulleres Progresistas no 2001.

Ao longo da xornada actuarán o grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas, a Coral Ponte das Febres, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro e a Coral do Centro Sociocomunitario de Tui. Pero amais, Saleta Fernández achegará o contacontos “Pan e chocolate”, haberá un obradoiro de marcapáxinas, circo de rúa con Pajarito e o espectáculo “A vida tola” e teatro de rúa con Ghazafelhos e a obra “O vendedor de fume”.

Coma novidade na feira contarase dunha das tres bibliotecas móbiles realizadas polo curso de Montaxe de Mobles e elementos de carpintería impartido no Centro Municipal de Formación. Tamén estarán expostos os maios e paneis informativos sobre a figura de Mª Victoria Moreno realizados polos centros escolares e asociación culturais de Tui.

Nos quince postos que haberá na feira as librarías tudenses Espazo Lector Nobel e Iris ofrecerán un 10% de desconto.

Programa previsto

  • De 11:00 a 13:00 horas, emisión especial en directo da Radio Municipal de Tui
  • Ás 11.00 horas, acto de apertura a cargo da escritora tudense Conchi Regueiro
  • Ás 11.10 horas, actuación do grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas
  • Ás 11.30 horas, actuación da Coral Ponte das Febres
  • Ás 12.00 horas, contacontos con Saleta Fernández con “Pan e chocolate”
  • Ás 13.00 horas, actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
  • De 16:00 a 19:00 horas, obradoiro de Marcapáxinas. Inicio cun contacontos do libro falado e en lingua de signos do libro “A festa no faiado” de Mª Victoria Moreno
  • Ás 17.30 horas, actuación do grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
  • Ás 18.30 horas, circo de rúa con Pajarito con “A vida tola”
  • Ás 19.30 horas, teatro de rúa con Ghazafelhos con “O vendedor de fume”
  • Ás 20.30 horqas, actuación da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui.