A Concellería de Cultura do Concello de Tui promove a conmemoración arredor do 23 de febreiro do “Día de Rosalía”, cando se conmemora o 188 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.
Así o próximo luns 24 de febreiro ás 12:00 horas, o novo espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela acollerá unha actividade para o alumnado dos primeiros cursos de Educación Primaria a cargo de “Trémola Teatro”. A actriz Paula Regueiro traerá o contacontos «Historias soñadas», un espectáculo creado a partir de textos e da vida de Rosalía, que mesturan poesía, cancións e música para achegar ás crianzas a unha das figuras máis importantes da nosa cultura.
Ese mesmo día ás 17:30 horas, na Biblioteca Municipal, haberá un obradoiro titulado “Facer chapas con Rosalía” no que os nenos realizarán diferentes chapas da autora, xogando con diferentes versos e imaxes, despois de coñecer algúns dos aspectos máis relevantes da súa vida e obra. É unha actividade dirixida a nenos de entre 6 e 11 anos de idade. Poden participar os nenos que sexan socios da Biblioteca Municipal de Tui. Cómpre inscrición previa a través do correo electrónico biblioteca@tui.gal.
Ao longo da xornada do luns na Biblioteca Municipal estará “A figueira de Rosalía” na que as persoas usuarias están convidadas a engadir un poema seu ou de Rosalía como unha nova folla desta árbore que irá medrando ao longo deste día.
Dende a Concellería de Cultura, que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente Solla, convidase á degustación do “caldo de gloria”, na casa ou nos restaurantes colaboradores, que nesta edición son: Emma Tapas&Bruch, Empanadaría Aloia, Restaurante “El Molino”, Restaurante “O novo Cabalo Furado” e Restaurante “O Cruceiro do Monte”.
Esta é unha iniciativa promovida dende a Fundación Rosalía de Castro” a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia, facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz.
Sinalan dende a Fundación que “queremos que Galicia lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este ‘caldo de gloria’ dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.
Finalmente en diversos lugares do centro de Tui estarán colocadas lonas con poemas de Rosalía de Castro para lembrar esta data e divulgar a súa obra poética entre a veciñanza.