Antón Corral

O Teatro Municipal de Tui acollerá este venres, 26 de xaneiro, ás 20.30 horas unha gala homenaxe ao mestre Antón Corral, figura clave da música tradicional galega, organizada polo Concello.

Durante dúas horas o evento brindará unha homenaxe ao mestre Antón Corral coa participación dalgúns alumnos seus coma Carlos Núñez, Anxo Lorenzo, ou Anxo Pintos xunto a formacións vinculadas ao mestre coma a banda de gaitas Xarabal, ou os grupos tudenses Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Santa Columba de Ribadelouro.

O fío condutor da gala serán unha serie de elementos que irán aparecendo no escenario a través dos cales se contará a historia deste músico afincado en Tui dende 2008. O propio Antón Corral intervirá nesta gala, na que non faltarán sorpresas, e que promete ser un evento único e irrepetible.

As entradas poderán retirarse de balde dende ás 20:00 h0ras no despacho de billetes da Área Panorámica, cun máximo de dúas por persoa, até esgotar as localidade dispoñibles.

Antón Corral

Naceu na Coruña en 1936, tomando contacto coa música dende moi novo. Os seus dotes musicais permítenlle ingresar como educando na Banda de Infantería de Santiago, onde perfecciona a técnica de instrumentos como o clarinete, óboe, saxo tenor ou gaita.

En 1957 volve a Lugo, dá clases de gaita en diferentes asociacións e forma parte de grupos como Os Montes ou Os Modernos. En 1959 casa con Isaura Fernández e adoita o traballo de viaxante comercial, ata que uns problemas de saúde o conducen a optar por seguir unha ilusión que levaba tempo tentándoo, e era a de converterse en construtor de gaitas.

Iníciase de xeito autodidacta en 1973 nun taller no baixo da súa vivenda pero pronto as súas destrezas fano ser artesán da Deputación de Lugo, lugar emblemático onde traballaran Faustino Santalices e Paulino Pérez e onde investiga sobre instrumentos como a zanfona e a gaita.

En 1979, xa en Ortigueira, forma parte do proxecto do “septimino”, dirixe a escola de instrumentos tradicionais e crea o seu primeiro grupo didáctico, mais a falta de apoio institucional fai que fracase aquel gran proxecto. En 1981, de volta en Lugo, rexenta o taller “Soutelo de Montes”. Durante unha mostra, dentro das actividades culturais que organiza en 1982 para divulgar os instrumentos tradicionais, lévano a Vigo, onde a súa obra esperta grande interese.

En 1983 xa é o guía da escola de instrumentos tradicionais da UP en Vigo. Alí xeraríase toda unha estirpe de músicos e artesáns do talle de Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño, Anxo Pintos ou Oli Xiraldez, Miguel Mosquera, Xosé Manuel Gil, entre outros moitos, que daría lugar a unha vasta proliferación da música e da construción artesá.

Dende o 2008 reside en Tui, onde formou ao seu neto Ramón Corral Fernández, actual artesán do Obradoiro Antón Corral, e creou un novo grupo didáctico a imaxe dos anteriores.