Tui prepárase para vivir un verán na rúa gozando dos diferentes eventos culturais e de lecer que se van celebrar tanto no centro urbano coma nas distintas parroquias que brindarán música en directo, danza, cinema, concursos, gastronomía,… con propostas novidosas e outras que contan con gran tradición.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, presentaron esta programación “Tui, verán na rúa” destacando que os meses de xullo e agosto chegan cargados de propostas para todos os públicos e para vivir nas rúas, prazas, parques e torreiros do municipio. Amosaron o seu agradecementos as asociacións e entidades que organizan os distintos eventos e que participan nos diferentes actos previstos.

O programa comeza no mes de xullo en Guillarei, no torreiro das festas, co Guilla Folk organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei. O venres  celebrarase o VII Festival Folclórico co grupo Eramos Hernández de Gran Canaria xunto aos organizadores. O sábado será a quenda do IX Festival de Bandas de Gaitas coa actuación das bandas de gaitas Lembranzas da Terra e A Insua de Caldelas, amais da actuación de Donicelas e Storrentos.

A música tradicional será de novo protagonista a seguinte fin de semana, o sábado 13 e domingo 14 de xullo, co Festival da cultura tradicional e Folk que organiza a Asociación Cultural San Telmo. O sábado celebrarase na Praza de San Fernando o IX Certame de Gaita e Tamboril, haberá unha mostra-conferencia sobre o traxe galego a cargo do grupo etnográfico Traxandaina e pecharase co concerto do grupo Ardentía. O domingo 14, ás 19.30 h, no Paseo da Corredoira celebrarase o IX Día da Muiñeira.

Do 17 ao 21 de xullo celebrarase na Eurocidade Tui-Valença o IKFEM Festival que baixo o lema Somos Ponte brindará concertos únicos enchendo este territorio transfronteirizo de creatividade.

O Paseo Fluvial de Tui volverá converterse nunha gran sala de cinema ao aire libre con tres proxeccións gratuítas para todos os públicos. Será  «O pequeno Nicolás» o venres 12 de xullo,  «A viaxe de Ernest e Celestine» o venres 26 de xullo, e “Salta” o venres 9 de agosto.

A programación do mes de xullo pecharase no Parque do Laxal en Rebordáns cunha nova edición da Noite Internacional do Miño no Parque do Laxal na que este ano actuarán grupos de Bosnia Herzegovina, Uruguai, Chile e Italia.

O mes de agosto abrirase con Música no Claustro, con concertos ás 21 h na Catedral do mércores 1 ao xoves 7 de agosto.

A gastronomía será tamén protagonistas no verán e un dos eventos destacados será a Festa Gastronómica da XII Festa do Miño, na que participarán as diferentes asociacións culturais do municipio ofrecendo pratos tradicionais xunto a outros innovadores na rúa Compostela. Non faltará tampouco a animación na rúa nesta xornada.

A ribeira de Caldelas acollerá o venres 16 e o sábado 17  o  IV Rocha Folk. Festival Folk Internacional organizado pola Asociación Cultural A Insua de Caldelas.  A programación do verán pecharase co XXIX Festival de Bandas de Música o venres 23 ás 21 h na praza de San Fernando baixo a organización da Banda de Música Popular de Tui.