Tui reivindicou hoxe unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres no acto conmemorativo do Día Internacional da Muller. O edificio dos antigos xulgados, acolleu este evento, que abriu Marta Quintana interpretando “Setestrelo” de Guadi Galego á arpa.
A concelleira de Igualdade, Ana Nuñez, indicaba coma co lema “Dereito a estar, dereito a achegar” reivindícanse os dereitos das mulleres “a ocupar o espazo público na mesma proporción que os homes, o dereito a visibilizar as achegas das mulleres á sociedade”. Engadía que “a igualdade é unha cuestión de calidade da democracia e tamén unha garantía de que benestar se produza para todas as persoas, e non á conta da metade da poboación”.
Explicaba que coa programación elaborada “puxemos o foco de xeito especial en recoñecer e visibilizar a contribución das mulleres na historia” e sinalaba que “queremos impulsar neste mes de marzo a concienciación e sensibilización para acadar a igualdade”.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, lembrou coma reivindicación das mulleres “é unha reivindicación histórica” aludindo orixes desta data. Indicaba que “a desigualade é unha das fontes que alimenta a violencia de xénero”. Enrique Cabaleiro sinalou que “dende a administración local debemos desenvolver cantas actividades sexan necesarias para seguir recordándonos a todos que todos temos o deber de seguir loitando pola igualdade, porque os homes e as mulleres teñamos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades sen ningún tipo de discriminación”. Nese senso recoñecía que “que queda un camiño importante por andar”.
O manifesto deste 8M era lido por cinco mulleres traballadoras do Concello de Tui Ana Román, Alba Martínez, Carmen González, Susana Conde, e Beti Rey reivindicando “a necesidade de seguir loitando para acadar unha igualdade real entre mulleres e homes; procurando unha sociedade máis feminista, mais democrática” pero tamén reivindicando e lembrando “todo o traballo que as mulleres foron facendo ao longo dos anos e continúan facendo día tras día no presente”.
Tamén indicando que “nos eidos político, social, laboral e en todos e cada un deles é preciso loitar polo cambio”. O manifesto tamén recolle que “temos o deber de por en valor todos os logros que día a día están a conseguir centos de mulleres en todo o mundo. Mulleres referentes grazas as cales cada día somos un pouquiño máis libres e un pouquiño máis iguais. Mulleres que loitan dende o espazo público, pero tamén dende o privado”. E alzouse a voz contra a violencia de xénero, que “é a máis extrema manifestación da desigualdade” porque “a violencia de xénero é violencia contra as Mulleres polo feito de seren mulleres”. Tamén houbo referencia para as mulleres que se atopan en zonas de conflito, con especial referencia ás ucraínas, e se estenderon as reivindicacións non só a esta xornada, senón que a todos os días “até que a sociedade feminista pola que loitamos sexa unha realidade”.
A continuación tivo lugar a presentación do roteiro ilustrado “Camiñando con elas”, enmarcado no proxecto “O Tui das Mulleres. A historia non contada”, cun percorrido teatralizado polo conxunto histórico da man de María Chamadoira caracterizada de arraiana. Nesta ruta dase visibilidade a dez mulleres tudenses dentro do proxecto “O Tui das mulleres”. Rosa Bahamonde, María Tydeska, Raíñas Dona Urraca, Clara Torres, Josefa Correa, Conchiña Concheiro, Mª Suárez Sarmiento, Evangelina Jaso, Cándida Rodríguez e Antonia Saravia son as protagonistas desta ruta que se volverá a realizar o domingo 20 deste mes ás 12 h. Para asistir é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo.
Un proxecto, “O Tui das mulleres” que explicaba a concelleira Ana Núñez “nace coma un exercicio de recoñecemento, agradecemento e xustiza ás mulleres de Tui”. No mesmo dáse a coñecer “nomes e vidas de mulleres que contribuíron á historia de Tui pero que son invisibles”.
O programa conmemorativo do Día Internacional da Muller continua mañá co inicio do ciclo de cinema que se celebrará cada mércores deste mes de marzo. Mañá mércores, 9 de marzo, ás 19.30 h no Teatro Municipal proxectarase a película “Serás hombre” de Isabel de Ocampo. A entrada será balde. Ao remata da proxección haberá un coloquio coa directora.
O xoves, 10 de marzo, ás 18 h na Aula da UNED terá lugar a segunda das conferencias dentro programa “Xuntas Aprendemos”. Laura Seara, experta en igualdade e exsecretaria de Estado co título de “A historia do feminismo; das Sufraxistas ao Me Too” falará do feminismo como motor de transformación, crítica social, percorrido histórico, ondas e principais referentes.
Este domingo, 13 de marzo, ás 11 h realizarase a experiencia de escapismo feminista “Estrelas” dende a Praza de San Fernando. Para participar é preciso inscrición previa no formulario dispoñible para descarga en Tui.gal.