O Concello da Guarda, a Universidade de Vigo e os artistas Nuvi & éxfico, veñen de asinar un protocolo de colaboración para a realización dun estudo de toma de mostras para unha investigación científica sobre materiais e posibles fenómenos de degradación no proxecto «A Guarda escrita nas estrelas», pintado no espigón norte de abrigo do porto da vila guardesa.

Esta investigación forma parte do proxecto CAPuS, que a Universidade de Vigo está a realizar sobre arte urbana, particularmente muralismo contemporáneo, que inclúen a creación de documentación fotográfica e audiovisual relacionada co patrimonio artístico público.

As accións que o equipo da Universidade de Vigo, no marco do proxecto CAPuS levará a cabo nestas obras pictóricas consistirán en:

  • Documentación fotográfica e audiovisual do obxecto e as súas futuras formas de deterioración.
  • Mostraxe de materiais (pinturas e soportes)
  • A análise científica das mostras anteriores con distintas técnicas analíticas para caracterizar os fenómenos de degradación. Esta mostraxe levarase a cabo polo menos en dous momentos diferentes: o ano de creación e no momento en que o deterioro da obra se verifica obxectivamente.
  • Estudo das variacións dos parámetros da cor na obra pictórica durante o tempo. Este estudo basearase no rexistro da cor cun espectrofotómetro para sólidos (medición non destrutiva) cada 30 días, desde o ano da creación do traballo ata polo menos un ano e medio máis tarde.
  • A avaliación de diferentes protectores na obra pictórica, a través da aplicación deles en pequenas áreas na obra e do control das variacións de cor ao longo do tempo.