A poetisa Rosalía de Castro

O Concello de Gondomar quere sumarse á conmemoración do aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro, cuxa imaxe pasará a formar parte da rúa que leva o seu nome, nas inmediacións do antigo Matadoiro, cun retrato de arte urbana que realizará o artista local “ Gory”.

A imaxe da poetisa galega máis universal, sumarase á realizada no seu día por este artista do escritor Carlos Casares, e con ela quérese render homenaxe “durante todo o ano a este referente da literatura galega e universal, máis aló da data na que se celebra o seu aniversario”, afirma o rexedor Paco Ferreira.

O acto central do próximo 24 de febreiro consistirá nunha lectura pública de diferentes pasaxes das súas obras máis relevantes e aberta a todo o público. O alcalde iniciará ás 12:00 horas a lectura ao que seguirán os integrantes do goberno local, tras o que se convidará ao resto da corporación municipal e a todos os veciños que queiran render o seu tributo particular a Rosalía de Castro.

Así mesmo, buscarase a colaboración do comercio local ao que se entregarán carteis coa imaxe de Rosalía de Castro e parágrafos impresos das súas principais creacións literarias para facer chegar a súa obra ao maior número de persoas posible.

Ferreira anima aos gondomareños a participar nesta xornada “na que renderemos homenaxe a unha muller que é un claro referente non só na literatura galega e do século XIX, se non en dar voz entón a cuestións tan de actualidade hoxe en día como os dereitos das mulleres, a defensa do galego ou a denuncia da emigración”.

O goberno local cumpre así o acordo alcanzado por unanimidade o pasado pleno municipal no que se aprobou declarar o 24 de febreiro día de Rosalía de Castro no concello, así como a emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da escritora.