A PVGS ven de celebrar a súa segunda concentración a prol da mellora da prestación dos servizos básicos de toda a veciñanza cun gran número de participación. Desde os orixes da plataforma en verán até agor os voceiros tiveron unha rolda de contactos, tanto co goberno local como con representantes de Augas de Galicia, que segundo relatan non xeraron un cambio á positivo nas liñas de traballo da administración.

A veciñanza, reunida en asemblea, decidiu por unanimidade convocar esta concentración como “acto de resposta e unha chamada de atención diante do deixamento de funcións por parte do goberno municipal, que non está a dar prioridade a servizos básicos e de competencia propia, como o abastecemento de auga para consumo domestico ou o tratamento de augas residuais que mantén sen saneamento máis de 3000 vivendas”, declaran os voceiros.

O saneamento, competencia dos gobernos locais, segue a ser unha das grandes preocupacións dos veciños e veciñas pois as fosas sépticas e os pozos negros afectan, coas súas filtracións, ás terras, acuíferos e mananciais o que trae consigo unha redución do benestar humano xa que xera enfermidades, provoca perda de calidade e atrasa o desenvolvemento social e económico. Así mesmo tamén teñen no centro da súa actuación a seguridade viaria, lugares como Borreiros e Vincios, cada un coa súa particularidade, sofren dun elevado transito de vehículos que dificulta a convivencia do seus veciños e veciñas rompendo totalmente a estrutura das parroquias.

A Plataforma considera que é hora de esixir unha mudanza na politica de investimentos e gastos que dea prioridade á saúde pública e a protección ambiental. “Mudar a política do bonito pola política do necesario é algo imperativo para nós” afirman os voceiros “presentamos propostas e solucións nas xuntanzas mantidas pero á veciñanza non se nos quere facer partícipe da política nin da toma de decisións”

Despois de ver o éxito da primeira concentración durante o prendido do alumeado de nadal en Gondomar e desta última, desde a Plataforma indican que manterán o este ritmo de traballo até que se acade o cambio de rumbo proposto pola veciñanza.