Aínda que o arranque oficial da XXXII Semana de Cine Submarino non será ata mañá martes na sede de Afundación, desde este luns pode xa visitarse no vestíbulo principal do edificio de Ciencias Experimentais unha exposición de fotografías de animais mariños realizadas polo fotógrafo submarino Xaime Beiro.
É un pequeno adianto dunha actividade máis completa que se celebrará o vindeiro xoves ás 12.00 horas no salón de actos deste centro e á que asistirán os dous directores da Semana, os catedráticos da UVigo Jesús Souza Troncoso e Elsa Vázquez Otero, xunto co decano da Facultade de Ciencias do Mar, Miguel Ángel Nombela.
Trátase da primeira ocasión na que o campus acolle actividades relacionadas coa Semana de Cine Submarino. Xunto á exposición, o acto do xoves incluirá unha charla do propio Beiro sobre as peculiaridades das súas imaxes, así como un relatorio do documentalista submarino José Irizarri, que falará da extinción da lagosta nas illas Cíes, facendo un percorrido histórico sobre a regresión deste recurso, un tema sobre o que, xa pola noite, se proxectará un vídeo dentro da propia programación da Semana de Cine Submarino.
Estrea mañá martes no auditorio Afundación
Con entrada de balde, a estrea oficial da Semana será mañá martes ás 20.00 horas no auditorio de Afundación coa proxección do documental José Luis González, unha vida baixo as augas, en homanaxe a quen fora o seu director durante 30 anos. Realizado por Manuel Pedrosa Sánchez o documental descubre o impacto do traballo desenvolvido polo fotógrafo submarino, así como o seu labor de sensibilización sobre a importancia de conservar os mares.
Este mesmo día, proxéctanse outros dous documentais: El pecio Bou Ferrer de la Vila Joiosa: Un xacemento extraordinario e Proxecto Argos. Memoria e patrimonio baixo da ría. O primeiro conta a historia do descubrimento e a investigación dunha das maiores naves antigas en escavación no mar Mediterráneo: o Bou Ferrer, un gran buque de comercio do Imperio Romano dos que chegaban ao porto de Roma procedentes de Cádiz. O segundo, dirixido e realizado por Manuel Vázquez González, pon en valor a importancia do patrimonio cultural subacuático da ría de Ribadeo. Precisamente o arqueólogo subacuático do proxecto, David Fernandez Abella, será o protagonista do coloquio que terá lugar a rematar as proxeccións e no que o tamén investigador do grupo Ecopast da USC, falará sobre o patrimonio subacuático e s ameazas que sofre.
A programación da semana continuará ata o xoves 21.