O Auditorio V Centenario de Baiona acolle ás 20:00 horas do sábado 2 de xuño a representación de “ Anagnórise”, baseada nunha das obras máis coñecidas de María Vitoria Moreno, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Esta representación de Limiar Teatro, indicada para público maior de 14 anos, forma parte da programación teatral que, baixo o título “María Vitoria Moreno a escena!”, o departamento provincial de Cultura e Lingua leva por todos os concellos da provincia de Pontevedra.

A adaptación, realizada pola compañía Limiar Teatro e producida por Galaxia Editorial, poñen arriba das táboas historia de Nicolau, un mozo que decide fuxir a Madrid facendo autostop, e de Xulia, a muller que o recolle no seu vehículo.

O escenario sitúase, aparentemente, nun despezamento no que dous actores van facendo un percorrido trepidante polos elementos máis salientables que conforman a road movie que constitúe a obra orixinal, desde a primeira parada para tomar o polbo ata o último café en Madrid. Este percorrido está fiado cunha proposta escénica pouco común, baseada en mapping audiovisual, música en directo, lectura de fragmentos da obra, xogos nos que se precisa a participación e a complicidade do público, e grandes doses de humor.