A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada da concelleira de Cultura, Cristina Martínez, recibiron no Concello, a Verónica Vicente, a artista visual tomiñesa, que se fixo cun dos primeiros premios de adquisición da XX Bienal de Arte de Vila Nova de Cerveira.

A alcaldesa felicitou a Verónica polo seu excelente traballo, ofrecéndose a poñela en contacto con outros artistas da vila e colaborar para a difusión da súa obra. “Eu sempre digo que en Tomiño estamos rodeados de talento, e este é un exemplo máis; queremos potenciar e acompañar aos nosos artistas, pondo en valor o seu traballo”, explicou a rexedora.

Verónica Vicente, pola súa banda, agradeceu o recoñecemento do Concello e confesou estar sorprendida polo premio que lle concedeu a Bienal de Cerveira, aínda que non é a primeira vez que se presenta a este xa famoso certame.

A súa videoperformance “Figuras decorativas” pasará a formar parte deste modo, da colección permanente da Fundação Bienal de Arte de Cerveira, e poderase visitar até o 23 de setembro na localidade fronteiriza Bienal Cerveira.