Valentín García anima en Tomiño a seguir falando na nosa propia lingua

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, pechou hoxe á tarde no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño a primeira edición do programa de dinamización lingüística “21 días co galego e +”, impulsado dende os Equipos de Dinamización da Lingua Galega en catro IES, coa participación de máis de 1.300 adolescentes e unha importante repercusión en internet, nomeadamente no blog do propio programa e en plataformas como Facebook, Twitter ou YouTube.

Valentín García lembroulles aos adolescentes que se involucraron no proxecto que o programa se chama “21 días co galego… e máis, moitos máis días co galego a partir de agora, porque xa vistes que sodes quen de falar esta lingua acotío con normalidade, que podedes sentirvos cómodos facéndoo ou que non é tan difícil cambiar certas inercias e poñer o propio gran de area para construír o futuro do idioma propio de Galicia”. Ademais, o secretario xeral gabou o esforzo do profesorado e do resto da comunidade educativa, que apoiou o alumnado participante no programa, e quixo destacar “que 21 días co galego e + é un proxecto que funciona en positivo, promovendo o apoio da contorna e a comunicación entre adolescentes de distintos puntos de Galicia, destacando as posibilidades e as vantaxes de falar o galego, propoñendo pequenos retos estimulantes que axudan a alcanzar a meta final e visibilizando nas redes sociais o traballo que os rapaces e rapazas estiveron facendo xeira a xeira”.

No acto de clausura desta primeira edición do programa 21 días co galego e + interviñeron canda o secretario xeral Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Sandra González, alcaldesa de Tomiño; Margarita Sanz e Iria Muñoz, directora e alumna do IES Antón Alonso Ríos, respectivamente, e Pilar Ponte, coordinadora do programa 21 días co galego e +. Tamén estiveron presentes uns 100 alumnos e alumnas en representación do conxunto dos que participaron no programa, ex-profesores do instituto, representantes da ANPA ou de asociacións culturais do concello de Tomiño.

Presenza en Internet e nas redes sociais

1.316 alumnos e alumnas dos institutos A Pontepedriña (Santiago de Compostela), Antón Alonso Ríos (Tomiño), Ramón Otero Pedrayo (Ourense) e Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos) comprometéronse a falar soamente o galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que durou a actividade e reflectiron a súa experiencia e as súas reflexións en diferentes vídeos que se difundiron a través do blog 21diascogalegoemais.gal e nas redes sociais do programa, onde foron seguidos por moitos outros adolescentes interesados na experiencia. Así, a canle YouTube rexistrou unhas 15.500 reproducións dos vídeos elaborados polo alumnado. Por outra banda, en Facebook a páxina de 21 días co galego e + foi visitada por 7.634 persoas diferentes, mentres que o alcance da de Twitter elevouse ata as 14.900 persoas.