A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar, a través da súa Voceira Manuela Rodríguez, e o Goberno do Concello, a través do seu Alcalde, Francisco Ferreira, realizaron na mañá do sábado, no transcurso dunha recollida de sinaturas, un chamamento á participación da veciñanza na concentración que terá lugar o vindeiro martes 23, ás 9:00 horas, diante da Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
Informaron tamén de que para facilitar o desprazamento haberá autobús gratuíto que sairá ás 08:30 horas da estación de autobuses de Gondomar e que retornará unha vez rematada a concentración. O teléfono de reservas é o 616.96.40.27.
Con esta nova acción “queremos denunciar a actitude da Conselleira de Infraestructuras e Vivenda, Ethel Vázquez, que desde hai case dous anos está a impedir deliberadamente a entrada de Gondomar no transporte metropolitano, e con ela a posibilidade de se beneficiar da tarxeta metropolitana cos conseguintes descontos nos billetes ou da gratuidade para os menores”, indicou a voceira.
Ademais, dado que a AVTG ten solicitada, desde hai 6 meses, unha entrevista coa Conselleira que ela derivou a primeiros de setembro ao Delegado Territorial da Xunta en Vigo, instan a que este os reciba nesa mesma mañá.
No transcurso da concentración farán unha nova entrega de sinaturas que reclaman a celebración inmediata desa reunión pendente así como a inclusión, no menor tempo posible, de Gondomar no transporte metropolitano.
Tamén se fará entrega dun documento no que se recollerán non só as críticas e reclamacións a respecto das deficiencias no servizo de transporte público colectivo que se padece no Concello de Gondomar, senón tamén unha proposta de accións encamiñadas a melloralo.