As e os socialistas de Tomiño reuníronse este sábado no Hotel Nueva Colina da vila para apoiar á candidata á alcaldía, Violeta de Santiago, que se mostrou segura de que o vindeiro 26 de maio “esta vila terá unha alcaldesa socialista”.

Acompañada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que asegurou que é necesario “cambiar para avanzar”, a candidata á alcaldía debullou ás que serán algunhas das principais accións que levará a cabo desde á alcaldía.

Temos que impulsar a creación dun polígono industrial”, afirmou, recalcando a importancia destes espazos “para ofertar chan industrial, xerar riqueza e fixar poboación”. Para ilo de Santiago conta co respaldo de David Regades, delegado do Goberno na Zona Franca de Vigo e secretario xeral provincial do partido.

A candidata á alcaldía tamén fixo especial fincapé na necesidade de redactar un novo PXOM para a vila “para medrar ordenadamente”, e anunciou a construción dunha biblioteca pública. “É incrible que logo de 12 anos de goberno dunha forza que se di progresista Tomiño careza deste servizo”, denunciou.

Este espazo veríase reforzado coa posta en marcha dun plan cultural itinerante que achegue actividades ás diferentes parroquias da vila, descentralizándoa do núcleo e facilitando así o acceso das e dos veciños á cultura.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación quixo mostrar o seu apoio a de Santiago , pedíndolle á veciñanza de Tomiño “que aposte polo violeta”. “Nas últimas eleccións xerais fomos primeira forza en Pontevedra e en Galicia. Agora precisamos que todos os concellos da provincia teñan alcaldesas e alcaldes socialistas para poder, así, desenvolver desde todas as administracións un proxecto de progreso, de dereitos, de garantía de servicios”, sinalou Silva.

Xerar emprego e atraer investimentos, así como apostar pola economía e pola política social, son os piares de goberno das e dos socialistas, explicou a presidenta da Deputación. “Somos garantía de bo goberno, así o temos demostrado na Deputación, onde dimos un xiro de 180 grados a unha administración cacique e clientelar”, defendeu.

Temos construído unha administración que modernizou a provincia e ten garantido dereitos, equipamentos, infraestruturas, dotacións, servicios e dereitos en todos os concellos”, afirmou Silva, que puxo como exemplo a mellora da accesibilidade da Alameda de Goián, melloras nos saneamentos de varios núcleos, como Vilachán e Sanomedio, ou a construción dunha pista de atletismo na área deportiva de Mosteiro.

“Pídovos cambiar para avanzar”, sentenciou a presidenta da Deputación. “Pídovos que apoiedes a Violeta e seguro que acertaredes”.