O colectivo de vixiantes dos puntos de vixilancia e emisoristas-vixiantes do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de Galicia reclama á Administración autonómica un recoñecemento profesional acorde coas funcións, responsabilidades e evolución tecnolóxica que asumiron nos últimos anos.
O persoal que presta servicio nestas categorías considera que o actual encaixe profesional non responde adecuadamente á realidade do traballo que desenvolven, especialmente nun sistema de prevención e detección de incendios forestais cada vez máis complexo e tecnificado.
Máis funcións e responsabilidade
O traballo dos vixiantes de caseta vai moito máis alá da simple observación desde unha torre ou caseta. Entre as funcións desenvolvidas atópanse a detección temperá dos incendios, localización e comunicación dos focos, seguimento da evolución, observación das condicións meteorolóxicas, coñecemento profundo do territorio, contraste de información, descarte de falsas alarmas e comunicación continua cos centros de coordinación ata o control da incidencia.
Do mesmo xeito, os emisoristas-vixiantes dende os centros de coordinación desempeñan funcións fundamentais de recepción, tratamento e transmisión de información, coordinación das comunicacións e apoio á toma de decisións operativas, utilizando ademais ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que se incorporaron ao operativo ao longo dos anos, soportando o elevado nivel de estrés propio da xestión das emerxencias y a necesidade de inmediatez na xestión da información e na toma de decisións.
Desde o colectivo sinalan que se produciron importantes cambios nas funcións e nos medios empregados, mentres que o recoñecemento profesional non evolucionou na mesma medida.
Unha reivindicación apoiada polo persoal
O colectivo realizou unha enquisa interna na que os resultados amosan un elevado descontento existente.
- 95,7 % considera oportuno adoptar medidas de presión se a Administración non atende as súas reivindicacións.
- 96,5 % considera importante reclamar vías de promoción profesional.
Os datos, segundo o colectivo, evidencian que existe unha vontade maioritaria de negociación e mellora das condicións profesionais, sen descartar outras medidas se non se producen avances.
Revisión das categorías e niveis
A principal reivindicación é que a Administración abra unha negociación específica sobre a clasificación profesional dos vixiantes e emisoristas-vixiantes, tendo en conta as funcións efectivamente realizadas, a responsabilidade asumida, a cualificación necesaria e a evolución do sistema de prevención e defensa contra incendios.
Para o persoal funcionario, o colectivo considera que debe estudarse a reclasificación ao subgrupo C1, que permita adecuar a retribución e o grao de cualificación profesional ás funcións reais.
No persoal laboral, reclámase igualmente unha revisión da clasificación, defendendo como referencia a mellora cara ao grupo III.
Coeficiente redutor
Outra das reivindicacións é o estudo e aplicación ao colectivo das medidas de xubilación anticipada ou coeficiente redutor que correspondan ao persoal que desenvolve actividades especialmente penosas, perigosas ou de especial exposición dentro do operativo de prevención e defensa contra incendios forestais.
O colectivo considera necesario que se analicen as condicións reais de traballo, a exposición ao risco, os horarios, a actividade é o estrés durante a xestión das emerxencias e a natureza das funcións desenvolvidas.
Non se trata só dunha cuestión económica
As persoas traballadoras insisten en que a reivindicación non se limita a unha subida salarial.
Trátase, segundo explican, de que exista unha correspondencia entre:
Funcións → Responsabilidade → Cualificación → Clasificación → Retribución → Promoción Profesional
O colectivo considera especialmente importante abrir vías de promoción e desenvolvemento profesional para evitar que persoas con anos de experiencia e coñecemento especializado do territorio queden sen posibilidades de progresión.
Un servizo esencial para a protección do territorio
Os vixiantes-emisoristas consideran que o seu traballo constitúe unha parte esencial da cadea de prevención e resposta ás emerxencias durante os incendios forestais.
“Antes de que un incendio chegue aos medios de extinción, ten que ser detectado, localizado, comunicado. Nesa primeira fase o noso traballo é fundamental”, sinalan desde o colectivo.
Por iso solicitan á Xunta de Galicia e ás organizacións sindicais que se abra unha mesa específica de negociación, con datos sobre funcións, cargas de traballo, responsabilidades, categorías profesionais e comparación coas solucións adoptadas noutros territorios, nos que estas mesmas tarefas son desenvolvidas por persoal do grupo III de persoal laboral ou C1 os funcionarios.
Non e de recibo que a Xunta de Galicia presuma dun Servizo de extinción de incendios Forestais punteiro pero o sustente sobre o mantemento dun persoal en precario, o que se lle encarga a xestión das emerxencias e a realización de funcións cada vez máis numerosas e complexas, pero sin reconocerllas.
“Se o operativo evoluciona, o recoñecemento profesional tamén debe evolucionar”
O colectivo considera que a incorporación de cámaras, sistemas de detección automática, xeolocalización e intelixencia artificial non debe utilizarse para infravalorar o traballo humano, senón para complementalo.
A experiencia sobre o terreo, o coñecemento do territorio, a capacidade de interpretar situacións e a comunicación continua seguen sendo elementos fundamentais para garantir unha detección e extinción eficaz dos incendios forestais. “Non pedimos privilexios. Pedimos que se recoñeza profesionalmente o traballo que realmente facemos”.
O colectivo anuncia que continuará buscando o diálogo coa Administración, pero tamén estudará, se non se producen avances, novas medidas de presión, mobilizacións e as vías legais que corresponda.
