Este venres día 19 de xullo tocaralle a quenda a un paseo pola historia da antiga Estrada Real, saíndo da Ponte Vella da Ramallosa, do lado de Nigrán, ás 18:00 horas para continuar o percorrido analizando feitos e fitos históricos no seu tramo ata o barrio antigo do Burgo en Baiona.

Será guiada polo membro da sección de historia do IEM, o doutor en Historia Contemporánea  Anxo Rodríguez Lemos, cronista oficial de Baiona.

A xeira será lineal, comezando na praza que hai na Ponte Vella da Ramallosa no lado de Nigrán, e rematando no barrio do Burgo, na entrada de Baiona. As persoas interesadas en asistir só teñen que presentarse antes das 18:00 horas no punto de partida, con calzado cómodo e gañas de andar e ir escoitando anacos de historia e anécdotas dunha vía que artellou o desenvolvemento dunha parroquia como Santa Cristina da Ramallosa en Sabarís e o barrio do Burgo en Santa Mariña de Baíña.