Seguindo co programa de verán do IEM este mércores día 24, haberá unha xeira pola Serra da Groba, pola parte máis afastada e menos coñecida para o público xeral.

Á camiñada iniciarase na Pedra do Acordo, lindeira cos concellos de Baiona e Oia, para seguir abeirando o Monte Foral da Groba pola cara do sur e do leste, vendo os fitos senlleiros da Boca da Groba, O Niño do Corvo e O Corno Ladredo. Regueiras, fontes, marcos, mámoas, paisaxe e natureza das Chans da Calzada, garranos,  flora e fauna e algo de arqueoloxía e petróglifos históricos e prehistóricos.

O punto de encontro será na Chan da Lagoa ás 18:00 h,  para seguir en coche ata o linde co concello de Oia. Onde aparcaremos e comezaremos a andaina circular de uns 6 kms. Tentaremos ir os primeiros quilómetros á sombra e abeira da auga para volver xa co sol máis baixo polas zonas abertas.

A andaina e de dificultade media-baixa. Recoméndase levara calzado axeitado (camiño as veces con pedregullo), auga para hidratarse e sombreiro e protección solar.

Guiarán a xeira Xosé Ramón García e Xilberte Manso, da Xunta de Goberno do IEM e das seccións de Bioloxía e Historia Natural, Arqueoloxía e Etnografía.