O Consorcio da Zona Franca e o Concello de Poio asinaron hoxe un protocolo para pór en marcha un plan estratéxico que estudará o municipio e a súa contorna e contribuirá con propostas a unha mellora da súa Competitividade e do emprego. O delegado do Estado, David Regades, e o concelleiro de urbanismo, mobilidade de Promoción Económica, Gregorio L. Agís , asinaron o documento.

David Regades, resaltou a importancia de impulsar o tecido económico dun concello clave na súa comarca. “Poio ten unha posición valiosa na comarca de Pontevedra. Impulsar a súa economía e apoiar aos novos emprendedores terá bos resultados para a cidadanía”, sinalou o delegado.

Pola súa banda, o concelleiro , destacou que “é importante que dende o Consorcio Zona Franca se desenvolvan este tipo de proxectos de análise socioeconómico dos municipios do entorno, para ter unha folla de ruta ou documento que facilite a toma de decisións nese ámbito na medida das competencias que poidan exercer os concellos”.

Un dos ámbitos de actuación do Consorcio será a análise e xeración de coñecemento a través da monitorización da actividade económica. Isto terá como finalidade poder establecer os mecanismos necesarios para a toma de decisións e a mellora da competitividade do entorno do municipio.

O Consorcio está especialmente interesado en impulsar actividades con potencial e recorrido que xeren un impacto positivo no crecemento económico, a xeración de emprego e a sustentabilidade no longo prazo.

Deste xeito, Zona Franca, establecerá unha folla de ruta para o establecemento de actuacións individuais ou en colaboración con outros axentes económicos e sociais que permita, coa máxima eficiencia e aproveitamento dos recursos públicos, despregar accións de calado que revertan no desenvolvemento económico e creación de emprego na súa área de influencia.

Algúns dos obxectivos claves deste plan sería  articular liñas de actuación, acordes coa Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible, Axenda 2030, sobre diversas alternativas segundo os recursos dispoñibles, captación de fondos e definición de prioridades. A maiores, establecería pautas para un plan de comunicación que sustente unha difusión intelixente para a posta en valor dos territorios que forman parte do acordo e as súas posibilidades.

O plan estratéxico contará con sete fases: diagnóstico estratéxico, workshops, estudio de casos de éxito, marcar as liñas estratéxicas, plan operativo, propostas de colaboración e instrumentos públicos de axuda e finalmente a monitorización.

Recollerá un estudio da economía e o tecido empresarial; tamén da situación da tecnoloxía, innovación e internacionalización; o entorno político e legal; da sociedade e a cultura; da demografía; do medio ambiente; de tendencias e de iniciativas actuais de interese e nivel de desenvolvemento. Toda a información sintetizarase nunha matriz DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades).

Tamén se fará un estudio de casos de éxito, un estudio de estratexias con obxectivos semellantes que tiveran resultados notábeis a nivel estatal ou internacional e que poidan resultar referentes inspiradores.