O departamento de Xuventude do Concello de Gondomar, en colaboración co Obradoiro de Emprego Valmiemprega III, realizou a primeira das rutas de sendeirismo para coñecer os arredores de Gondomar.

O alumnado traballador da especialidade de Promoción turística levou a cabo a visita guiada a través da Ruta das Ánimas, acompañada da concelleira de Xuventude, Nuria Lameiro, e a técnica do departamento de xuventude, Alicia Sestelo. O grupo estaba composto por 25 persoas, a maioría rapaces e rapazas de entre 7 e 15 anos, e algúns adultos acompañantes.

A ruta partiu do núcleo urbano, xunto ao parque das Ánimas e remonta o río Miñor a través de fermosos sendeiros. Durante o percorrido, que tivo unha duración de 2 horas, fixéronse diversas paradas para dar a coñecer algúns dos elementos importantes da contorna. A primeira das explicacións foi xunto a Ponte de Ánimas, coñecida antano como Ponte alta da Paradela, outra das explicacions foi sobre a flora que se observa á beira dos ríos e os cultivos tradicionais como millo e patacas.

Xa avanzando no itinerario observouse o Muíño das Quintas, nas proximidades de Peitieiros, e se lles explicou a importancia destes elementos etnográficos do territorio. A última das explicacións foi sobre o bosque de ribeira, típico bosque de galería á beira dos ríos. A ruta finalizou xunto a coñecida como Fervenza da Torre, un fermoso recanto onde o río amosa unha caída de auga xunto a unha antiga canle ou levada que abastecía aos muíños.