oia

Un total de 45 mozos e mozas participarán no III Intercambio Cultural entre o concello de Oia e a freguesía portuguesa de Oiã, unha iniciativa que se desenvolve dentro do irmandamento existente entre as dúas localidades.

Os participantes, alumnado dos cursos 5º e 6º de primaria dos colexios Mestre Manuel García e Refoxos (Oia) e da Escola Básica Dr. Fernando Peixinho (Oiã), gozarán dunha programación de actividades destinada a coñecer a cultura do seu pobo irmá, a convivir con outros estudantes e fortalecer os lazos de unión entre ámbolos dous territorios.

Así, os días 8, 9 e 10 de marzo o alumnado de Oia visitará Portugal. Entre outras actividades, o grupo fará un percorrido polo país veciño que lle permitirá coñecer a Igrexa Matriz de Oiã, o Museo da Radio, o municipio de Aveiro e o Museo Marítimo de Ílhavo.

Trala visita a terras do país veciño, Oia recibirá ao alumnado da poboación irmá os días 26, 27 e 28 de abril.

Na visita, os representantes de ambos gobernos locais aproveitarán para ultimar os detalles sobre a participación de Oia na próxima Festa da Flor, que se celebrará o 30 de xuño na localidade lusa.

Irmandamento Oia-Oiâ

A unión entre o concello de Oia e a Freguesía de Oiã (Oliveira do Barro – Portugal) está preto de cumprir dúas décadas, consolidándose durante todo este tempo un irmandamento que fixo posible que ámbolos pobos se coñezan e descubran os encantos das súas respectivas terras.

Durante estes últimos anos véñense organizando conxuntamente unha serie de intercambios culturais escolares nos que os mozos e mozas de 5º e 6º de primaria teñen a oportunidade de vivir unha enriquecedora experiencia que promove a convivencia e a aprendizaxe da cultura e costumes doutros territorios.

Así mesmo, a colaboración entre ambas localidades ten incluído intercambios entre os grupos de música tradicional, coa participación na Festa da Flor e no aniversario da freguesía portuguesa.