TAMARA ALONSO // Archivo

A Guarda prepárase para as actividades programadas dentro das conmemoracións do  Día Internacional da Muller 2019, actividades nas que se inclúen a Exposición «Rompe. Xoga en igualdade», a proxección dun documental sobre Fútbol Feminino e unha concentración reivindicativa.

Exposición «Rompe. Xoga en Igualdade»:

A programación de actividades arrancan este xoves, ás 12:00 horas, na Casa dos Alonsos coa inauguración da Exposición «Rompe. Xoga en Igualdade», unha rompedora mostra da Deputación de Pontevedra coas «Barbies intervidas» coma protagonistas.

Esta mostra estará no vestíbulo da Casa dos Alonsos desde o 7 de marzo ata o vindeiro 31 de marzo e poderá visitarse en horario de 8:00 a 15:00 horas.

Concentración Reivindicativa 8M

A segunda actividade para conmemorar o Día Internacional da Muller 2019 terá lugar na xornada do venres 8 de marzo ás 12:30 horas na Praza do Reló, onde se realizará unha Concentración reivindicativa en prol da igualdade real entre mulleres e homes, coincidindo co propio Día Internacional das Mulleres.

Deste xeito convídase ás asociacións, centros educativos, comerciantes, veciñas e veciños da Guarda e a todas aquelas persoas que desexen participar neste acto que contará coa intervención de membros do Goberno Local, que lerán un manifesto feminista. Todas aquelas persoas que desexen participar poderán facelo coa lectura dos seus escritos e/ou calquera outra forma de expresión.

Presentación Documental fútbol feminino

Xa para rematar as conmemoracións do Día Internacional da Muller 2019 o xoves día 14 de marzo, ás 20:30 horas, o Centro Cultural da Guarda será o escenario da Proxección do documental «A Liga do Condado e o Baixo Miño, a recuperación do fútbol feminino galego. A paixón dunhas mulleres convertida en realidade«.