O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa portavoz no concello, Manuela Rodríguez, solicita ao goberno municipal de Gondomar que lle faga entrega de todos os informes, técnicos ou de calquera outro tipo, que xustifiquen a talla de árbores practicada nos xardíns da Casa Peralba, en pleno centro da vila. 

A fronte nacionalista quere coñecer cales son os motivos reais da talla, xa que entenden que carece de xustificación, e subliñan que para o Bloque “as árbores non son ornamento, non son mobiliario nin apenas adorno, senón que son seres vivos que cumpren unha función esencial en termos de sustentabilidade ambiental”. 

É lamentábel e preocupante que a primeira medida adoptada por Paco Ferreira na acabada de adquirir Casa Peralba sexa a eliminación de toda a vexetación do xardín”, indica Rodríguez, e engade que “é unha nefasta decisión que vai en contra da propia ordenanza municipal de medio ambiente e doutros protocolos aos que se ten sumado o concello”.

Desde o BNG defenden que para avanzar cara a unha vila máis sustentábel hai que respectar as nosas zonas verdes e o arborado cumprindo a propia ordenanza municipal de medio ambiente, limitando as cortas a aqueles supostos nos que estea debidamente xustificado.

E denuncian, «unha vez máis, o xeito de gobernar de Ferreira, imposición do seu criterio persoal ou de partido na toma decisións e ausencia de explicación ou información a veciñanza nin ao conxunto da corporación municipal sobre as súas accións, confundindo sempre maioría absoluta con razón”.