Manuela Rodríguez Pumar

O BNG de Gondomar reclama do Alcalde a convocatoria urxente da comisión especial para a municipalización da rede da auga de Vilaza. A Portavoz nacionalista, Manuela Rodríguez, ponse de novo a disposición para colaborar na resolución do expediente, tal como xa fixera no pleno celebrado o 20 maio de 2021, «en que se facultou ao Sr. Ferreira para designar os integrantes desa comisión da que este excluíu a oposición».

A proposta de inicio de expediente de municipalización do servizo de abastecemento de auga á parroquia de Vilaza, «que o Alcalde levou a ese pleno«, recollía un resumo da normativa que establece que por seren servizos públicos de competencia da Administración municipal tanto a subministración como a vixilancia das augas, «a concorrencia de situacións anómalas ou excepcionais autoriza aos Concellos para adoptar as medidas que sexan precisas para garantir a prestación dos servizos».

Tamén facía referencia a que «é un dereito da veciñanza esixir a prestación e, no seu caso, o establecemento do correspondente servizo público no suposto de constituír unha competencia municipal propia de carácter obrigatorio», e a que na noción de servizo público van incorporados os «principios de igualdade de acceso polas persoas usuarias e da xeneralidade na prestación, de modo que alí onde exista necesidade do servizo de abastecemento é o Concello quen deben intervir». E segundo o propio documento, todo o anterior é de aplicación á veciñanza de Vilaza a partir da data en que a Asemblea Xeral da Comunidade de Augas de Vilaza decide darse de baixa como entidade (xuño de 2015), xa que ficaría sen entidade prestadora do servizo.

E a proposta da Alcaldía dicía textualmente «iso é precisamente o que se pretende a través da adopción do presente acordo, adoptar aquelas medidas que resulten necesarias para regularizar a prestación do servizo de abastecemento de auga na parroquia de Vilaza».E agora, quince meses despois, o Alcalde, mediante unha nota de prensa na que máis que solucións semella buscar culpables, quere trasladar novamente a responsabilidade á veciñanza”, lamentan desde o BNG.

Segundo recolle a lexislación vixente en materia de réxime local,o procedemento concreto para tramitar un expediente de municipalización require da aprobación inicial do Pleno. Previamente debe designarse unha comisión de estudo composta por membros da Corporación e por persoal técnico; que deberá elaborar unha memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da actividade económica derivada da prestación do servizo, determinando a forma de xestión, así como un proxecto de prezos do mesmo. Logo da aprobación, a memoria será exposta publicamente por un prazo mínimo de trinta días naturais, durante os cales poderán formular observacións tanto particulares como entidades. Por último, rematado ese prazo, o proxecto de municipalización deberá ser levado novamente a pleno para a aprobación definitiva.

No pleno de maio de 2021 «acordouse iniciar o procedemento de municipalización do servizo de abastecemento de auga de Vilaza e autorizar ao Alcalde para designar ás persoas integrantes da Comisión especial redactora da memoria. Non foi até tres meses despois, o 19 de agosto, que o Alcalde resolveu nomear a comisión e convocala para o 3 de setembro dese mesmo ano. Na súa composición, ademais de dúas persoas en representación dos usuarios e do preceptivo persoal técnico dos servizos de Secretaría, Intervención e Urbanismo do Concello, participan o propio Alcalde, como presidente, a Concelleira de Urbanismo, Iria Lamas, como suplente, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, como vogal. Ningún membro máis da corporación, a pesar do ofrecemento feito durante o debate plenario. “O Alcalde excluíu a mantenta á oposición, a pesar de que eu mesma me ofrecín para botar unha man en todo o que puidera”, lembra a portavoz do BNG.

Esa comisión debería ter redactado, no prazo de dous meses, ampliable a outros dous, a devandita memoria. “A día de hoxe non consta no expediente ao que tivo acceso o BNG acta nin documento ningún correspondente a reunión ningunha, polo que descoñecemos se a houbo reunión ou non, e, de habela, cal foi o seu resultado». Así pois, a piques de se cumprir un ano desde a súa constitución,nin memoria, nin nada de nada. E aínda se sinte con autoridade o Alcalde para lle chamar a atención ao BNG e para nos tachar de electoralistas? Quen fixo aquí deixamento de funcións, Sr. Ferreira?”.

Desde a organización nacionalista instan ao Alcalde a que “deixe perder o tempo arremetendo contra o Bloque nas redes sociais e faga o seu traballo: convocar, con carácter de urxencia, a comisión especial para a municipalización da rede de abastecemento de Vilaza, que xa leva demorado máis dun ano”. E ínstano tamén a que modifique a súa composición para facela realmente operativa. Polo que ao BNG respecta, lembran,“estaremos alí onde os intereses veciñais e colectivos nos precisen”.