O BNG levará ao Parlamento galego a demanda de manter o servizo de comedor do Colexio Rural Agrupado Antía Cal de Gondomar. «O Goberno da Xunta xa deixou sen servizo durante este curso a varias familias de Peitieros, única aula con ese dereito, e pretende suprimilo por completo».
Malia que o Decreto da Xunta de Galiza polo que se regulan os comedores escolares recolle que a administración educativa debe potenciar que os centros ofrezan servizos complementarios, como o comedor escolar, co fin de ‘favorecer que amplíen a súa oferta educativa para atender as novas demandas sociais’, tamén aquelas que constitúen un ‘importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar’, «a Consellaría de Educación decidiu abandonar ás familias, e tampouco cumpriu co suposto compromiso de establecer un convenio co Concello para manter o servizo a todas as crianzas da aula de Peitieiros que o precisaran», comentan dende o BNG.
«O máis grave é que, a xulgar por varias declaracións de cargos locais e do goberno galego, semella estar na folla de ruta do PP a eliminación de propio colexio de educación infantil e a derivación do alumnado das parroquias adscritas a el a colexios de primaria», apuntan os nacionalistas.
Ante esta situación o Bloque demandará no Parlamento galego, a través da deputada nacionalista Carmela González, non só a restitución do servizo na aula de Peitieiros e a ampliación do mesmo, tamén as aulas das parroquias de Chaín, Couso, Morgadáns e Vilaza, senón tamén a garantía de pervivencia do propio CRA.
Pola súa banda, a portavoz municipal e candidata do BNG ás vindeiras municipais, Manuela Rodríguez, instará tamén ao Goberno local no vindeiro pleno municipal a prever unha dotación económica para evitar o desmantelamento do servizo. Farao a través dunha proposta de incorporación dunha nova partida de gastos financiados con remanente de tesourería, dentro da modificación orzamentaria que o goberno local levará a pleno “se é que algunha vez se convoca, porque levamos dous meses de atrasos”, indica Rodríguez.
Desde o BNG consideran que, estando en pleno período de reserva de prazas para o vindeiro curso, urxe garantir o servizo de comedor no colexio rural, polo que “exisimos que Xunta e Concello se deixen de liortas partidistas e acusacións mutuas nos medios de comunicación, e que dean, dunha vez por todas, a solución que as familias precisan”.
