A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda «lémbralle a Roberto Carrero e o PP que a sociedade guardesa leva demandando desde fai anos un dobre equipo médico para urxencias, que se cubran as baixas e vacacións do persoal sanitario ou que se reduzan as listas de espera».
«Eses son os problemas sanitarios centrais que ten a Sanidade na nosa localidade e no resto de Galiza. Tamén lle levamos demandado á Xunta de Galiza gobernada polo PP unha inversión para atención primaria do 25% do orzamento total de sanidade que é a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS)«,indican dende a Plataforma.
Dende a organización aseguran que «o deterioro causado na Sanidade Pública polos recortes e a privatización levados adiante polo PP na Xunta de Galiza nestes 14 anos de goberno superan os 2.300 millóns de €. Este é o motivo da degradación da atención primaria e da sanidade pública en xeral».
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda esíxelle ao PP «un mínimo de decencia e que deixen de xogar coa saúde das persoas. Lémbranlle que os recortes en sanidade matan e que resulta moi pouco ético dedicarse a lanzar fogos de artificio e envolverse nunha nube de propaganda para tratar de disimular a degradación a que ten sometido o PP desde a Xunta de Galiza á sanidade pública».
