O Bloque celebrou un encontro co asociacionismo cultural do municipio e con artistas locais. Incorporará propostas destes colectivos no seu programa de goberno.

Os obxectivos máis apoiados foron superar o modelo de lecer baseado unicamente na festa que ofrece o PP, constituír un Consello da Cultura local e a necesidade dun novo auditorio para poder programar cultura todo ano.

O BNG impulsará desde o goberno alternativas culturais para que o lecer no Porriño non estea exclusivamente vinculado coa festa. O modelo BNG é antagónico ao de Alejandro Lorenzo e o PP. Queremos ofrecer unha programación cultural de calidade, diversa, con cabida para as distintas expresións artísticas e apostando por artistas locais emerxentes. Que recupere e poña en valor o noso patrimonio e os nosos sinais de identidade. “Festas si, pero non así, gastando sen control e desatendendo a programación cultural do Concello”, declarou o candidato do BNG, Pedro Pereira.

O candidato do Bloque fixo un chamamento ao sentido común no que respecta á programación de certas actuacións que fai o Concello. “Temos que reflexionar sobre os horarios das orquestras que actúan no Porriño. A festa e o lecer teñen que ser compatibles co dereito ao descanso da veciñanza. Desde o goberno promoveremos uns horarios máis acaídos, para non molestar a quen ten que descansar e para poder participar destas actividades en familia”, declarou Pereira.

Durante a pandemia apostamos por descentralizar a axenda cultural levándoa ás parroquias. A chegada do PP ao goberno e o fin das restricións truncaron este modelo. A partir do 28 de maio imos recuperar a actividade cultural nas parroquias e nos barrios e negociar uns convenios coas asociacións aplicando criterios máis xustos e equitativos. “Tratar a todo o mundo por igual, garantir que a cultura chegue a todos os lugares e axudar máis a quen máis fai”, afirmou Pedro Pereira. Para coordinar toda a actividade cultural do municipio, o BNG propón crear un Consello da Cultura, un foro no que o tecido cultural local e as asociacións poderán debater, ter voz e participar das políticas culturais do Porriño.

O modelo BNG contempla humanizar as rúas e prazas do casco urbano para enchelas tamén de cultura. “Temos que recuperar as actividades culturais de pequeno formato, que axudan  a dinamizar e animar as nosas rúas comerciais”, sinalou o candidato do Bloque. O Porriño precisa dun novo auditorio municipal para poder representar outro tipo de formatos e que nos permita elaborar unha programación cultural anual ampla e ambiciosa.

O BNG traballa en dúas posibles localizacións, próximas ao centro urbano, para a construción desta necesaria infraestrutura. Pensamos que este novo equipamento ten que se converter no epicentro da vida cultural do Porriño. O edificio albergará tamén a sede da nova Escola de Artes e Oficios, unha proposta do BNG para esta lexislatura, e queremos trasladar alí a Escola de Música, actualmente en Torneiros. “O auditorio ten que ter actividade diaria. Non se pode limitar só a eventos e espectáculos. Queremos que a xente do Porriño faga uso del, que sexa o lugar de encontro das diferentes expresións artísticas, con espazos para exposicións ou ensaios dos grupos musicais locais“, sinalou o candidato do BNG.