Os socialistas da Guarda fan un balance moi satisfactorio dos primeiros meses do ‘Plan Rehabita’, un proxecto que ten como finalidade informar e asesorar aos veciños sobre como rehabilitar as súas vivendas, mellorando a súa imaxe e a eficiencia enerxética dos inmobles, e ao mesmo tempo beneficiándose das subvencións que proceden de fondos europeos Next Generation.

“Agradecemos o interese co que os veciños acolleron o plan, que será un dos piares da nosa acción de goberno no próximo mandato”, asegura Antonio Lomba, alcalde e candidato socialista.

Con este plan, o Concello da Guarda converteuse no motor e no punto de encontro tanto de veciños como de profesionais do sector da edificación: empresas de reformas e servizos enerxéticos, fabricantes, administradores de inmobles e técnicos”, engade Lomba.

O pasado xoves, na Casa dos Alonso, celebrouse unha nova reunión cos veciños da Guarda para explicarlles en que consiste o plan e que pasos deben dar se están interesados en rehabilitar as súas vivendas.

En palabras do alcalde e candidato socialista, “puxemos en marcha o plan porque queríamos coordinar a conservación e rehabilitación de todas as vivendas da vila; un desenvolvemento sostible, incrementando o valor da arquitectura, o deseño e a accesibilidade, e o fomento da rehabilitación enerxética e o confort do fogar”.

Con este plan, «o goberno socialista da Guarda creou unha proposta atractiva para os propietarios das vivendas, capaz de potenciar na localidade o alugueiro de longa duración e o aloxamento vacacional, así como a activación, a renovación e a modernización das vivendas existentes para entrar nas esixencias europeas de eficiencia enerxética e sustentabilidade». O obxectivo é ademais xerar emprego nas empresas do sector con actividade no concello”, remata Antonio Lomba.

Para máis información, os socialistas lembran que os veciños poden chamar ao 986 61 00 00, escribir a  rehabita@aguarda.es, ou entrar en Rehabita A Guarda.