Antonio Lomba, candidato socialista á reelección como alcalde nas municipais de 28 de maio, reivindica “a solvencia, a seriedade e a garantía de progreso para A Guarda do noso proxecto”.

Os socialistas da Guarda celebraron un acto multitudinario no que contaron co apoio do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; o delegado do Goberno de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral provincial, David Regades.

“Poño en valor a súa capacidade de xestión, Antonio Lomba é o mellor exemplo do que conseguimos os socialistas cando gobernamos”, asegurou o secretario xeral do PSdeG, “chamando a todas as portas para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas”.

«Estou seguro de que vai ter un respaldo masivo polo que leva feito, cunha transformación da Guarda que continuará nos próximos catro anos”, engadiu Formoso.

Pola súa parte, David Regades destacou “a capacidade de traballo de Antonio Lomba e Montse Magallanes, innovando cada día e predicando co exemplo, o único que fan e traballar polo seu concello», lembrando “as súas xestions para desbloquear o polígono industrial ou para lograr o acceso sur ao porto da Guarda”.

O candidato á alcaldía, Antonio Lomba, afirmou que «executamos máis do 80% do programa electoral e acadamos máis de sete millóns de euros de investimentos para o concello neste mandato, incluídos fondos europeos”, polo que afronta estas eleccións “con optimismo, convencido de que representamos a máis seria opción de goberno para A Guarda”.