O xoves día 29 de setembro celebrouse unha sesión plenaria na cal se tratou unha moción presentada polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia para a reclamación dunha partida nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2024 para a construción dunha EDAR no municipio, «que poría solución aos graves problemas medioambientais que se están a causar na costa atlántica cos vertidos incontrolados por falta dunha depuradora no Concello».
«Nesta moción tamén se pedía unha solución ao baleirado de pozos negros nas parroquias do interior coma Loureza e Burgueira e así finalizar cos vertidos ilegais na costa de As Mariñas, Mougás, Viladesuso, Pedornes e Oia», expoñen os socialistas.
«As dilaceradoras (utilízanse para triturar sólidos) instaladas no ano 2010 no Concello de Oia, continúan hoxe en situación de ilegalidade e irregular, ao estar instaladas dentro dos primeiros 30 metros de dominio marítimo-terrestre, fora desta circunstancia o seu funcionamento non é o correcto, polo cal os vertidos ao medio mariño son constantes», aseguran dende o PSOE.
No ano 2021 o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha proposición non de Lei no Parlamento Galego para a instalación dunha EDAR no Concello de Oia, así como que se dera unha solución urxente á rede de saneamento municipal coa separación de pluviais e fecais, depuración de augas residuais, entre outras.
«Despois de tanto tempo sendo o problema do saneamento unha das grandes lacras do municipio, non entendemos como esta moción foi rexeitada polo grupo de Goberno do PP, encabezado pola alcaldesa, Cristina Correa«, apunta o portavoz municipal do PSdeG-PSOE de Oia, Gerardo Rodríguez Refojos, .
Para Refojos “é unha vergoña que a estas alturas non teñamos unha rede de saneamento que funcione axeitadamente, que non depuremos as augas residuais e que non teñamos separación de fluviais e fecais”, e engade que “a contaminación do ecosistema mariño vai en detrimento do medio ambiente e de todos os veciños e veciñas que dependen do mar e da pesca para traballar”.
Instou novamente o portavoz socialista á Alcaldesa a «traballar polos veciños e veciñas de Oia, pondo en prioridade a atención os mesmos, na mellora da súa calidade de vida e mellorando os servizos que se ofrecen dende o Concello», e finaliza coa frase “as administracións están para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, non para por atrancos”.
