O BNG considera que «estamos diante dun Goberno absolutamente incapaz de afrontar os grandes temas que son fundamentais para darlle futuro a Guarda nos vindeiros anos. Da parálise na que está instalado o Goberno do PP e Fariñas é unha boa mostra que a día de hoxe, non teñan como mínimo, un borrador dos orzamentos para o ano 2024″.
Os nacionalistas indican que «no relativo á piscina municipal, non foron capaces de dar un paso adiante en 7 meses. Seguimos sen proxecto de reforma (a pesar de contar cunha subvención de 1.500.000 €), sen pregos de explotación, sendo coñecedores de que a empresa concesionaria anunciou en varias ocasións a intención de deixar de prestar o servizo pola situación de precariedade na que se atopa a piscina».
Aseguran que nada se ten avanzado co novo acceso ao porto, «paralizado pola falta de criterio a nivel municipal e por unha Xunta de Galiza que mira para outro lado. A conexión con Caminha sigue sen servizo desde finais do verán, tampouco parece estar na axenda do Alcalde, a pesares de ocupar o cargo de responsábel de Cooperación Transfronteiriza na Deputación de Pontevedra».
Din que resulta preocupante tamén a xestión do lixo, «por non ter dado ningún paso para adaptarse á nova normativa de residuos o que previsibelmente vai provocar importantes sancións para o Concello da Guarda no futuro».
O portavoz municipal do BNG Anxo Baz considera “que este Goberno ademais de ser incapaz de afrontar cun mínimo de seriedade os grandes retos de futuro que ten a Guarda, tampouco e quen de atender o día a día da vida municipal”, para acabar concluíndo que “estamos diante dun Goberno sen rumbo, sen dedicación e con pouca atención aos cidadáns”.
