ALFREDO (archivo)

Para a Asociación de Persoas Afectadas polas Enchentes dos Ríos Miñor e Zamáns, as vindeiras eleccións ao Parlamento Galego e o Goberno de Galicia que saia delas, ten moita importancia pensando na solución e nas medidas que cómpre que tomar para resolver «este grave problema que nos afecta a tantas persoas do Val de Miñor, maiormente de Gondomar e Mañufe».

Desde Asociación indican que os Ríos Miñor e Zamáns «precisan dun estudo integral dos mesmos que nos dea a radiografía exacta do mal trato que veñen sufrindo, das consecuencias que iso provoca e, en consecuencia, das solucións que se deben tomar».

Dende a Asociación apuntan que isto pasa por actuacións dende o sentido común «desatascar os ollos das pontes e abrir outros novos, evitar os atrancos na canle, controlar os recheos ilegais, controla a vexetación alóctona, control sobre os desaugues “incontrolados” do encoro de Zamáns, os vertidos contaminantes…é dicir, vixilancia e aplicar a Lei con rigor».

Para falar de todo isto, das alternativas que teñen para esta problemática, e para escoitar ás persoas afectadas e á veciñanza en xeral da comarca, o vindeiro venres día 2 de febreiro ás 19:00 horas no Centro Neural de Gondomar, van participar os candidatos de PP, BNG, PSOE, SUMAR e PODEMOS.

Desde Asociación convidan a toda a veciñanza a participar, «pois probablemente non haberá outra ocasión de falar en vivo con todos eles, e sobre todo, poderlle preguntar directamente sobre este asunto que tanto lle preocupa á comarca».