Mario Pansera

Adiada ata o 7 de xuño

Este venres 3 de maio terá lugar ás 20h no local do IEM a conferencia de Mario Pansera, «Decrecemento ou barbarie: os retos dunha planificación dun mundo pos-crecentista», dentro do ciclo de conferencias «Crise climática ou crise do sistema?». O acto será presentado por Juan Hermida Lago, director do IEM.

Vivimos nun sistema económico baseado no crecemento ilimitado nun planeta finito que nos levou a sobrepasar a maioría dos límites planetarios o que fai perigar a nosa propia supervivencia. Na actualidade a viabilidade e conveniencia deste modelo de crecemento está sendo cada vez máis cuestionado por académicos, activistas e pola sociedade en xeral.

Imponse a necesidade de deseñar un novo modelo económico ao que debemos transitar dende este sistema crecentista. O reto é deseñar un novo modelo postcrecentista onde non só se terán que levar a cabo melloras na eficiencia senón tamén reducir as formas menos necesarias de produción. Isto é o decrecemento, unha redución planificada do uso excesivo de enerxía e de recursos para volver poñer á economía en equilibrio co mundo vivinte de forma segura.

De todo isto falaranos Mario Pansera. Investigador da Universidade de Vigo, enxeñeiro de telecomunicación (Universidade de Nápoles – Federico II), máster en Economía e Xestión da Innovación (Universidade Politécnica de Madrid) e doutor en Administración pola Universidade de Exeter, Pansera está especializado na transición ecolóxica e sostible e na crítica ao concepto tradicional de crecemento e desenvolvemento económico. Conta ás súas costas cunha longa traxectoria investigadora, entre outras, nas universidades de Bristol e na Autónoma de Barcelona, institucións coas que seguirá a manter unha estreita liña de colaboración.