«Estou no ceo, camiñando sobre as nubes, porque para unha escritora descoñecida coma min ou que acaba de comezar na escritura, este premio é un foguete, unha lanzadeira marabillosa», así de contenta mostrábase a nigranesa Raquel Fernández tras gañar o Premio Jules Verne de literatura xuvenil 2024 da editorial Xerais coa súa obra I’m Obélix.
A obra gañadora dun dos premios máis prestixiosos da literatura galega conta como Isma, un rapaz de 13 anos, afronta o seu primeiro ano de instituto cun cambio significativo na súa vida: unha diagnose de TDAH. O que en principio semella algo positivo para a familia, xa que chega acompañado de respostas e mesmo de certo alivio, converterase nun drama no ámbito escolar, onde o protagonista terá que enfrontarse ao descoñecemento e á falta de sensibilidade do alumnado e de certo sector do profesorado.
Asegura Raquel que para escribir a súa obra influíulle moito ter adolescentes na casa. «Fíxome moito nas preocupacións que teñen, ademais, o meu fillo ten TDH». Empezou a ir a unha asociación para axudar o seu fillo e coñeceu a outros moitos nenos coma el, «o mal que o pasan no instituto e o incomprendidos que están». «Esa foi a razón que me inspirou a escribir I’m Obélix. Quixen contar unha historia que puxera o foco no especialmente sensibles que son ao acoso nenos con TDAH», explica a gañadora.
O xurado do XVI Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil estaba composto por Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz), Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Na súa xuntanza, o xurado valorou o ritmo que a autora consegue manter ao longo de toda a novela. «Raquel Fernández Fernández crea unha estrutura que nos fai empatizar, sufrir e, ao mesmo tempo, sentir esperanza co protagonista, pero que tamén nos permite coñecer, e mesmo chegar a comprender, os responsables da súa situación. O xogo con varias voces dálle, ademais, unha inmensa riqueza á narración, e introdúcenos nun mundo común para os adolescentes: o día a día do instituto. A forza do argumento, a axilidade, o manexo da lingua e as continuas referencias a cómics e videoxogos fan de I’m Obélix unha novela completa e absolutamente atractiva para a rapazada», conclúen no seu fallo.
A gañadora, Raquel Fernández Fernández (Nigrán, 1972), e residente en Gondomar, exerce no sector da restauración como propietaria dun restaurante en Baiona. Escribe dende nena e é lectora voraz dende que acorda. Acadou varios premios literarios, a partir dos cales publicou en varias antoloxías. A súa primeira novela publicada é Contas de buxo (2024).
Xunto a Raquel Fernández, tamén foron galardoadas as obras «Detective Ferruchi» de Marta Villar, co Premio Xerais de Novela, e «Milú e o edificio das persoas extraordinarias», de Abel Tomé, Premio Merlín de Literatura Infantil.
Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios o sábado 26 de outubro no Museo do Mar de Vigo, cando os libros estean xa nas librarías. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.
