O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar demanda do goberno local a aprobación dunha ordenanza para o control da contaminación acústica. A organización nacionalista fai esta proposta ante as protestas da veciñanza polo excesivo ruído de festas e concertos.
En particular, a raíz da situación vivida este domingo, coa celebración da festa ‘Holi Life’, onde o “escándalo dos decibelios puido comprobarse en todas a parroquias do concello malia ser o evento no parque das Ánimas de Gondomar”, denuncia a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.
Para o BNG, esta situación contrasta coa suposta «sensibilidade clara de cara aos colectivos de persoas con hipersensibilidade acústica e auditiva da que fixo alarde o goberno local en anos pasados». Así, en 2019 o propio Alcalde facía pública a decisión de «eliminar ás bombas de palenque ou de promover o apagado das luces e a música das atraccións, nunha determinada franxa horaria, durante a celebración das festas da vila de Gondomar», sinala.
Porén, na tarde-noite do domingo «esa consideración brillou pola súa ausencia e as persoas que, por diversas vías, protestaron e solicitaron que se baixara o volume non foron escoitadas», asegura a voceira nacionalista. “E a festa rematou pasadas as dez da noite!. Até esa hora, a veciñanza máis próxima viuse na obriga de manter pechas as ventás a pesar do calor que ía”, denuncia Rodríguez.
“De nada serve promover este tipo comportamento respectuosos só de xeito puntual ou facer acenos parciais”, trasladan desde o Bloque. “Esa iniciativa debería manterse no tempo, ano tras ano, e facela extensiva a todas as festas e eventos do concello, tamén aos que se celebran nas distintas parroquias”.
Por esa razón, o BNG promoverá a aprobación dunha ordenanza municipal que vele por esa calidade acústica en todo o concello e en todos os eventos. Mentres non se poida poñer en práctica esa ordenanza, o BNG solicitará do goberno local que, ademais de facer cumprimento da lexislación vixente en materia de ruídos, actúe con “respecto acústico” e que traslade as recomendacións pertinentes as entidades promotoras de eventos no conxunto do concello.
