Da terra ao tear (IEM)

A Aula de Cultura Ponte de Rosas sita no local do Instituto de Estudos Miñoráns na Avda da Feira Nº 10 de Gondomar, acolle os martes e xoves de 9:00 a 14:00 horas, a exposición «Da terra ao tear». Os grupos poden concertar cita no teléfono 664 663 283.

O cultivo do liño e o seu posterior procesamento ocupou aos homes e ás mulleres que viviron nas terras do Miñor durante boa parte do Antigo Réxime. O seu fiado e tecido, no marco dunha industria doméstica, deu traballo a fiandeiras, calceteiras, teceláns ou tratantes, estes últimos, encargados de percorre as feiras e mercados de todo o país ofrecendo os produtos extraídos dunha planta herbácea sementada nas terras de todas as parroquias de Baiona, Nigrán e Gondomar ata finais do século XIX.

Ata chegar ao fío, precedían tarefas de transformación que se iniciaban entre finais de abril e comezos de maio coa sementeira da liñaza. Ao ter un palmo, a planta precisaba da limpeza das malas herbas, un coidado que perduraba ata o mes de xullo ou agosto cando, maduro o liño, se arrincaba, se enfeixaba e se ripaba, a fase consistente en separar do talo a bagaña (casula da semente).

As plantas entón asolagábanse nun rego ou nunha poza durante nove días. Postas a secar, chegaba o momento do mazado e o tascado, os primeiros pasos para obter do talo a fibra e deixala limpa. Este proceso remataba no rastrelado ou asedado onde, pasado o liño por un peite de ferro, se obtiñan distintas calidades de fibra. Entre os quefaceres cotiás, as mulleres continuaban ocupadas no fiado manual coa axuda do fuso e dunha roca.

O fío resultante pasaba ao sarillo, un trebello capaz de formar madeixas que, posteriormente, se branquearían para un mellor acabado. Aquel fío convertiríase en novelos coa axuda da devadoira. Chegaba entón a complexa preparación posterior do tear no que tecer os lenzos, as pezas da vestimenta persoal ou a roupa da cama.

Percorrer o longo proceso de transformación do liño, a través das ferramentas e dos diferentes estados da planta no devir do mesmo, é posible na mostra Da terra ao tear, exposta na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoráns….