A Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde aos workshops de turismo do vindeiro ano 2025, aos que dedica algo máis de 100.000 euros para o servizo de asistencia técnica.

Continúa así desenvolvendo os eventos de promoción do destino Rías Baixas que, como explicou o presidente provincial, Luis López, “teñen sempre un enorme éxito”, lembrando que máis de 150 operadores acudiron ás citas de Málaga e Madrid deste ano, onde se mantiveron ademais un total de 1.700 reunións.

Con estes workshops, tal e como asegurou López, a institución pretende continuar promovendo “a nosa provincia, a nosa cultura e o noso territorio fóra das nosas fronteiras e compartir con todo o mundo as experiencias 100% Rías Baixas”.

Estes encontros, que a Deputación desenvolve en colaboración co sector turístico privado, teñen como obxectivo dar a coñecer a oferta turística da provincia de Pontevedra a través de reunións de empresas da provincia con empresas das localidades nas que se celebran e da presentación do destino.

Neste 2024 participaron no workshop de Turismo Rías Baixas en Málaga e Madrid 29 empresas da provincia, integradas, ademais de polo Museo de Pontevedra e os Castelos de Sobroso e Soutomaior, por aloxamentos, entidades relacionadas coa enoloxía e gastronomía, institucións culturais, empresas de turismo náutico, axencias de viaxes ou, entre outras, experiencias turísticas.

Todas elas remarcaron a importancia de iniciativas como esta promovida pola Deputación, para fomentar o networking , afianzar lazos de traballo e marcar liñas conxuntas para a promoción do destino Rías Baixas.